A Mesa propón a todas as candidaturas municipais asinar un compromiso coa lingua e denunciará os gobernos español e galego perante a UNESCO e a ONU

Marcos Maceira: “Os datos do IGE confirman o que a Mesa leva décadas denunciando, que a meta á que nos levan as políticas do PP é a substitución do galego polo español. É hora de mudar radicalmente a política lingüística da Xunta e actuar decididamente para que o galego non esmoreza”

Maceira reclamoulle ao presidente Feixó o cesamento de Xesús Vázquez á vista das nefastas consecuencias das súas políticas, así como “esquecer para sempre a politicaría irresponsábel e que comece dunha vez accións de política verdadeira orientadas a eliminar todas as barreiras que impiden facer vida normal en todos os ámbitos da nosa lingua, e a promovela tal e como é a súa obriga”

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2014. A maior asociación cultural de Galiza ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para anunciar que promoverá o compromiso coa lingua das diferentes candidaturas ás eleccións municipais do 2015 e que, no plano internacional, denunciará nas próximas semanas a vulneración de dereitos lingüísticos por parte da Xunta e do Goberno español na UNESCO e na ONU.

Proposta para un compromiso co PXNLG nos Concellos

A Mesa animou a comezar o impulso normalizador que Galiza precisa polos concellos, que nuns meses entrarán nun novo proceso electoral.

Neste sentido A Mesa anunciou que proporá a todos os partidos e candidaturas que se presenten ás eleccións municipais que asinen un compromiso de aplicación da legalidade que ampara a promoción do galego e das medidas do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega referidas ao ámbito municipal. Entre outras a proposta inclúe que todos os cargos públicos, departamentos e organismos dependentes teñan a lingua galega como lingua xeral de referencia oral e escrita; que a administración parta da oferta positiva do galego na atención oral e escrita á cidadanía, tanto presencial como telefónica ou telemática; que as empresas subcontratadas polo concello garantan o respecto á oficialidade do galego e aos dereitos lingüísticos das veciñas e veciños, ou  impulsar a creación dun Servizo de Normalización Lingüística naqueles concellos onde aínda non existir. Neste sentido, desde A Mesa salientaron a necesidade  de que os alcaldábeis asuman o compromiso de impulsar políticas activas en favor do galego e dotar con recursos a planificación lingüística do concello, con actuacións transversais en todas as áreas municipais procurando o incremento do uso e prestixio da lingua propia de Galiza.

A entidade en defensa da lingua destacou que esta é unha proposta de mínimos, xa que o que se reclama non é máis que o cumprimento dos acordos parlamentarios, ben en forma de Lei, ben no PXNLG.

A Mesa remitirá a súa proposta a todos os concellos, grupos municipais e candidaturas que se presenten ao proceso electoral en todos os concellos galegos, e agarda un amplo respaldo de todas as candidaturas xa que segundo Maceira, “se lles importa o futuro de Galiza, impórtalles o futuro do galego”. A Mesa chamou tamén ao conxunto da sociedade, que, tal como indican todos os estudos si quere galego, a que se implique na iniciativa e demande dos seus representantes “máis política e menos politicaría en relación á lingua galega, nomeadamente daqueles que abandonaron os acordos e incumpriron a súa palabra de potenciar a normalización da lingua propia de Galiza”.

Denuncias internacionais

A outra fronte na que actuará A Mesa nas próximas semanas será a da denuncia internacional. Por unha banda presentarase a denuncia perante a UNESCO da preocupante situación da lingua galega,  que a enquisa do IGE vén de confirmar e que é consecuencia dunha política de desleixo de responsabilidades, como mostra o incumprimento escandaloso de acordos e tratados internacionais como a Carta Europea das Linguas e a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos ou a negativa da Xunta a implementar políticas activas de promoción do idioma.

A vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Mónica Pazos, presentou perante os medios presentes na rolda o contido da denuncia que a entidade en defensa da lingua fará chegar á UNESCO e que parte dos criterios estabelecidos polo organismo internacional. Segundo sinalou Pazos “dirixímonos á UNESCO porque un dos seus principios básicos é o mantemento e perpetuación da diversidade lingüística”.

O outro albo da denuncia internacional da Mesa será a Comisión de dereitos humanos da ONU, onde a entidade en defensa da lingua participará nunha denuncia ao Estado español por vulneración dos dereitos humanos que se presentará en Xenebra o 21 de xaneiro, xunto coas entidades que coa Mesa forman parte de ELEN (Rede Europea para a Igualdade das Linguas).

“O mundo debe coñecer a situación que padecemos as persoas que lexitimamente queremos vivir en galego no noso propio país, para que tamén os gobernos español e galego tomen nota e rectifiquen a súa política de supremacismo lingüísitico, unha forma máis de racismo” engadiu a vicepresidenta da Mesa.

Nos próximos días A Mesa presentaralle estas popostas ao Consello da Cultura Galega e mais á RAG. Segundo o seu presidente, Marcos Maceira, a gravidade dos datos fornecidos na última enquisa do IGE debería obrigar estas a reaxir: “Galiza precisa un posicionamento claro e contundente destas institucións diante do que está a acontecer”, sinalou.

Valoración da enquisa do IGE

 

 

En relación cos datos oficiais publicados polo IGE sobre coñecemento e uso do galego en 2013, a Mesa pola Normalización Lingüística afirmou que non fan máis que confirmar a tendencia cara á substitución da lingua propia de Galiza en todos os ámbitos da sociedade, nomeadamente na mocidade á que se lle impide acadar competencias suficientes en galego no sistema educativo cun decretazo que ten como obxectivo reducir, aínda máis, a presenza do galego no ensino.

Para Marcos Maceira, os datos que mostra a enquisa son o reflexo da exclusión do galego en todos os ámbitos: “cal é a porcentaxe de galego nos produtos audiovisuais, informáticos, xogos, relacións comerciais, banca, administración pública, etc, etc ?” preguntouse. “Tendo en conta que a presenza de galego en calquera destes sectores é inferior non só ao número de persoas que se declaran habitualmente galegofalantes, senón ao número de persoas que sen falalo reclaman maior presenza do galego, a quen pode estrañar este resultado?”insistiu. En todos estes ámbitos a Xunta, co seu presidente á cabeza debe actuar urxentemente, e para iso conta co PXNLG e coa capacidade de lexislar a favor do galego.

 

Maceira reclamoulle ao presidente Feixó o cesamento do conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, e do seu secretario xeral de Política Lingüística á vista das nefastas consecuencias das súas políticas que o estudo oficial do IGE vén de pór e manifesto, así como “deixar a un lado e esquecer para sempre a politicaría irresponsábel e que comece dunha vez accións de política verdadeira orientadas a eliminar todas as barreiras que impiden facer vida normal en todos os ámbitos da nosa lingua, e a promovela tal e como obriga a lei”.

 

“Contamos co PXNLG, unha planificación de mínimos, mais aprobada por unanimidade parlamentar. Non hai excusas. Aplíquea xa!”, enfatizou Maceira.

 

O galego precisa impulso por parte do goberno, non desprotección nin desprezo constante. “Se realmente o Presidente Feixó buscase o equilibrio lingüístico bastaría con engadir as palabras e galego ás 500 disposicións legais que obrigan ao uso do castelán.

  

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra