Campañas

POLA GALEGUIZACIÓN DA TELEFONÍA MÓBIL

Solicita e exixe servizos de calidade a estas compañías!

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

A lei 1/2010 estabelece, na súa disposición adicional sexta, que todos os prestadores de servizos que operen no territorio da comunidade autónoma galega “con independencia do lugar de estabelecemento orixinario” deberán respectar o marco legal vixente en materia lingüística. A norma estipula que estas empresas “favorecerán a normalización progresiva do uso do galego na prestación dos seus servizos e deberán ofrecer aos seus destinatarios a posibilidade de manter a comunicación oral e escrita en lingua galega”.

Esta norma legal, sumado aos parágrafos 3 e 4 do art. 10 da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, supón un amparo de primeiro nivel para o exercicio dos nosos dereitos lingüísticos ante as empresas prestadoras de servizos, como os telefónicos. Aproveitemos que a lei está da nosa parte e actuemos!

CHAMA:

  • Calquera compañía telefónica pode ofrecer aos seus clientes con contrato a posibilidade de emitir as facturas en galego. Solicita ese servizo. A chamada é gratuíta.
  • Vodafone ten un servizo de atención ao cliente en galego das 8 h ás 24 h. Solicítao chamando gratuitamente a 123. Exixe tamén a atención en galego as 24 horas do día. Nestes momentos non hai opción de atención en galego para os contratos de empresas. Solicítalles que permitan consultar a súa páxina web en galego aquí
  • Movistar ofrece só para os clientes con cartón prepagamento a activación de todos os servizos en galego. Chama ao 220 e actívao. Os clientes de contrato non dispoñen de atención en galego; deixa a túa queixa no 609 ou no 1004. Unha vez estabelezas contacto co teu interlocutor, pide que che pasen co ‘coordinador’, que é quen realmente debe recibir as queixas. A chamada é de balde. Outra opción é chamar ao Centro de relación co cliente, é o 109 desde o telemóbel ou o 1486 desde o fixo. Tamén podes deixar a túa queixa a través de internet na seguinte web. Si dan a posibilidade de emitiren as facturas en galego, solicitándoo previamente ben no 609 ben no 1004. Neste momento a páxina de Movistar pódese consultar en castelán e en catalán; pídelles que tamén a habiliten en galego.
  • Orange non dispón de servizo de atención ao cliente nin mensaxaría en galego; deixa a túa queixa, sen custo ningún, no 1414, tanto se es xa cliente como se chamas desde calquera teléfono, fixo ou móbil, de calquera outro operador. Pídelles tamén que habiliten unha opción de galego na súa páxina web!
  • Yoigo tampouco dispón de opción de galego para os seus clientes nin na atención telefónica nin na súa facturación, envíos de publicidade, etc. No seu sitio web algúns dos contidos (condicións xerais, etc) están dispoñíbeis en catalán, en euskara e mesmo en inglés, mais non en galego. Se xa es cliente deles, solicítallo a través do 622. Se non es, chama ao 1707. Tamén lles podes enviar a túa suxestión por escrito desde aquí
  • Eroski Móbil, ao contrario que as compañías anteditas, si dispón de servizo de atención telefónica en galego a través do 902 540 340 e de páxina web con opción de galego para consultar calquera dos contidos.
  • Tamén R Móbiles dispón de todos os seus servizos en galego (facturación, atención ao cliente, publicidade, páxina web). No momento de se formalizar o contrato pódese escoller o galego como lingua de relacionamento coa empresa; se non se fixer, pódese mudar en calquera momento chamando ao 1449.
  • Polo xeral, todas as demais operadores virtuais que prestan servizo de telefonía móbil en Galiza (Simyo, Carrefour Móviles, Happy, Diamovil, etc) ignoran o galego tanto na información a través das súas páxinas web como na atención ao cliente, facturación, envíos publicitarios, etc. Tes dereito a te poderes comunicar en galego con eles e a que che atendan na túa lingua: solicítallo!

Non está de máis que parabenicemos aquelas empresas (R, Eroski) que si garanten o noso dereito ao uso da nosa lingua propia, para alén de reclamarmos ás que non cumpren os dereitos que tan inxustamente nos negan. En breve, dispoñibilizaremos varios modelos de cartas, tanto de queixa como de parabéns, que poderedes empregar segundo cumpra.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis