A Mesa pola Normalización Lingüística

Informe Avaliacion do cumprimento do P.X.N.L. ao se faceren 10 anos da súa aprobación

O 22 de setembro de 2004 o Parlamento Galego aprobaba por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, incluíndose nel non só unha análise das causas da perda de falantes da nosa lingua e as súas consecuencias, senón obxectivos claros e medidas concretas para revertir esa situación que a Xunta de Galiza debía comezar a aplicar.

A elaboración deste Plan Xeral respondeu a un proceso aberto e participativo no que colaboraron case mil persoas de diferentes ámbitos e foi asumido polo consunto das forzas políticas galegas: grupos políticos, técnicos, especialistas dos diferentes sectores e representantes da sociedade civil foron quen de chegar a un acordo amplo, unánime, que debía constituír un punto de partida para avanzar na normalización e na reposición da lingua aos espazos que nunca debera de ter perdido ou, cando menos, pasos para garantir a igualdade de condicións para as persoas que queren vivir en Galiza e falar na lingua de Galiza.

O PXNL convertiuse así nun mandato parlamentar ao goberno galego. Mostra desa unanimidade e do acordo acadado son as palabras do que era presidente da Xunta, Manuel Fraga Iribarne, no prólogo do Plan Xeral, onde se comprometía a “impulsar todas e cada unha das accións aquí sinaladas”.

Este consenso xerado ao seu arredor, lembremos que por unanimidade parlamentar sendo Feixó Vicepresidente da Xunta, abriu unha porta á esperanza a través dun mínimo común denominador aparentemente asumido polo conxunto da represenación pública, e que sentaba os alicerces para a restauración e a reposición da lingua galega, revertindo un proceso de séculos.

É a concreción da obriga estatutaria do gobernos de promover “o emprego do galego en todos os planos da vida pública” (art. 5.3)., dos artigos 4.1 e 6.3 da Lei de Normalización Lingüísitica, e tamén da Carta Europea das Linguas ou da Declaración Universal, normas que amparan o dereito a vivirmos en galego e que o PXNL dotaba de contido a través de 440 medidas concretas.

A finais de 2004 comezaba a andar o PXNL cunha timidez que se converteu en parálise no 2009 para rematar en retroceso. A partir dese momento o goberno galego presidido po Núñez Feixó (participante do acordo parlamentar e na altura Vicepresidente da Xunta) comezou a actuar non para aplicar as medidas do Plan senón abertamente en contra delas.

Abonda con lermos en voz alta os Obxectivos Xerais definidos no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega para sermos conscientes de que dez anos despois en moitos sectores non só non avanzamos o suficiente senón que nalgúns, sobre todo tras este quinquenio negro para a lingua galega que está a supor o Goberno de Núñez Feixó, que se dedicou a desmantelar un por un os acordos en torno á lingua, estamos nunha situación peor que en 2004.

A observación da política lingüística levada a termo polo goberno de Feixó nestes últimos cinco anos evidencia non só que non se estan a aplicar as medidas acordadas no Plan Xeral, senón que en  moitos  casos  se  está  a  lexislar  en  sentido  contrario,  e  para  imposibilitar  na  práctica  a consecución dos obxectivos marcados, como demostra de xeito paradigmáticos o caso do ensino e o decretazo contra o galego. Este é o ámbito no que se materializou de forma máis evidente a vontade do PP de ir en contra do estabelecido no Plan Xeral e romper o consenso acadado en 2004 ao derrogar o Decreto de 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula uso e promoción do galego no sistema educativo, que seguindo o estabelecido no Plan Xeral de Normalización pretendía garantir unha presenza do 50% do galego como lingua vehicular no ensino non universitario.

As consecuencias do incumprimento e da renuncia á palabra dada en forma de acordo parlamentar están á vista: retroceso sen precedentes no número de falantes, desaparición da lingua galega da Educación Infantil das cidades,  exclusión do galego en ámbitos claves da sociedade, vulneración de dereitos lingüísticos e cidadáns e inferioridade de condicións das persoas galegofalantes no seu propio territorio, usuarios de servizos aos que lle negan atención por se expresaren na súa lingua, falta de programas informáticos que garantan o dereito a recibir documentación en galego, imposibilidade de ver un filme en galego nunha sala comercial ou de ter a opción ao galego en productos audiovisuais, etc. son algúns dos exemplos que evidencias as graves consecuencias que ten para a cidadanía galega o incumprimento do PXNL.

Esta involución foi obxecto de resposta por parte da cidadanía galega que protagonizou as mobilización  sociais  máis  grandes  da  historia  de  Galiza  convocada  pola  Plataforma  Cidadá Queremos Galego que agrupa a máis de 600 entidades sociais de diferentes ámbitos. Tamén no ámbito do ensino o éxito da Folga do 20 de xaneiro de 2010 foi mellor mostra da unanimidade alcanzada entre organizacións sindicais, ANPAS e organizacións estudantís. O conxunto da comunidade educativa manifestouse contraria ao decreto 79/2010 que inviabilizaba o acordado no PXNL que tivera como resultado Decreto 124/2007 amplamente respaldado e cuxa plena legalidade foi certificada polo TSXG, ao contrario do de 2010.

Neste documento ofrecemos unha avaliación dos principais obxectivos que se marcaron no Plan Xeral hai dez anos e sinalamos os incumprimentos máis alarmantes das medidas acordadas, os retrocesos e algunhas das evidentes actuacións contra o Plan.

Como conclusión, para a Mesa pola Normalización Lingüística é preciso:

  • Retornar ao consenso de 2004 por parte de quen o abandonou, nomeadamente o
  • Partido Popular e o Presidente da Xunta que ten a obriga de aplicar o PXNL.
  • Compromiso explícito e efectivo co PXNL por parte do goberno e actuacións lexislativas que desenvolvan o contemplado nas medidas do PXNL.
  • Posta en marcha inmediata das medidas contempladas no PXNL, coa aprobación dun calendario que comprometa fases, prazos de execución, etc.
  • Derrogación de todas as disposicións legais contrarias ao PXNL nomeadamente as relacionadas co ensino e coa administración.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra