Informes

Relatorio sobre a aplicación en Galiza da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias

1. INTRODUCIÓN:

-Datos sobre o número de falantes.

A información que proporciona o Estado sobre o número de falantes de galego no seu Cuarto informe sobre o cumprimento da Carta Europea das Linguas é confusa, ao ofrecer unha foto fixa, obviando deliberadamente cruzar os datos con estudos anteriores para ver cal é a evolución. Tanto os datos da RAG, co seu Mapa Sociolingüístico de Galicia (volumes de 1992 e 2004) como o estudo do Consello da Cultura Galega (A evolución sociolingüística 1992-2008), no que se analizan os datos do IGE aos que fai referencia o informe do Estado comparándoos coa información anterior, evidencian que desde 1992 (data do primeiro estudo fiábel) até hoxe o proceso de substitución lingüística do galego polo castelán segue avanzando de xeito sostido e continuo, por mor da perda de transmisión interxeracional (de pais e nais a fillos/as) e tamén pola perda intraxeracional. O único dato abertamente positivo que reflicten, a mellora inequívoca das competencias lingüísticas autopercibidas, explícase facilmente polo punto de partida que reflicten os primeiros estudos, nos que as xeracións maiores estaban escasamente alfabetizadas, e esta alfabetización tivera lugar nunha época na que o ensino do galego na escola estaba prohibido.

Coas diferenzas de matiz ou interpretación que se quixeren, todas as investigacións sinalan que o galego é  a lingua que sofre unha caída máis acusada de todas as que teñen rango de oficialiade no Estado, que en dez anos se duplicou o número de persoas que nunca o utilizan e que na xente nova das principais cidades galegas o uso do idioma propio do país é algo residual.

Podemos deducir que as políticas lingüísticas que maioritariamente se levan aplicando nestes 22 anos non están a funcionar para garantir a recuperación do galego.

–  No  informe  do  Estado  presentado  para  esta  cuarta  avaiación  a  SXPL recoñece unha drástica redución nos seus orzamentos durante o período de referencia, de 15.572.633 en 2010 a 5.724.478 en 2013. O ano no que este Goberno autonómico tomou o poder, 2009, o orzamento era de 21,5 millóns de euros. Isto supón unha redución de máis do 73% do orzamento, que o sitúa en mínimos hostóricos, e que non é explicábel nin xustificábel polo contexto económico (ningún outro departamento da Xunta sofre recortes comparábeis). Ten unha motivación claramente política e programática. O afogamento dos recursos económicos é, xunto coa iniciativa política e lexislativa, outro dos piares da política hostil contra o galego que desenvolve este goberno.

–  O Estado sinala que a SXPL inclúe “toda a información” relativa á Carta na súa páxina web. Temos que matizar que nesa ligazón só está incluído o segundo  informe  de  avaliación:   2º  Informe periódico  de  España  sobre  a aplicación en España da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, de 2006 e o 2º Informe final do Comité de Ministros do Consello de Europa, sobre a aplicación en España da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (en inglés).

A Xunta agocha o Terceiro informe elaborado polo Comité de Expertos pola súa valoración crítica cos retrocesos no ámbito do ensino. Cando desde as organizacións cidadás fixemos públicos as conclusións de dito informe a Xunta mentiu publicamente para falsear a avaliación feita. Do mesmo xeito, a Xunta chegou a acusar nos medios de  comunicación  ao  Comité  de  Expertos  de mentir nese terceiro informe.

Isto supón ao noso ver unha vulneración do Artigo 6 da Carta, ao negar ante a cidadanía información sobre os dereitos e deberes estabelecidos pola mesma. Particularmente, a Xunta négalle aos pais que queren educar os seus fillos en galego  información  sobre  o  amparo  legal  que  a  Carta  lles  ofrece  a  este respecto.

 

2. INCUMPRIMENTOS DO ARTICULADO DA CARTA

ARTIGO 8. EDUCACIÓN Parágrafo 1

No que respecta á educación, as Partes comprométense, no territorio no que se empregan as devanditas linguas e segundo sexa a situación de cada unha destas, sen prexuízo do ensino da(s) lingua(s)

oficiai(s) do Estado, a:

a) i) ofrecer  educación  infantil  nas  linguas  rexionais  ou  minoritarias pertinentes;

b) i) ofrecer educación primaria nas linguas rexionais ou minoritarias pertinentes;

c) i) ofrecer educación secundaria nas linguas rexionais ou minoritarias pertinentes;

Mantense  o  incumprimento  destes  compromisos,  que  xa  foi  sinalado  na anterior avaliación. Continúa sen ofertarse a posibilidade de educación substancialmente en galego en ningunha destas tres etapas educativas e o Goberno galego fixo caso omiso á “enérxica instancia” que o Comité de Expertos fixo no seu anterior informe e non se fiixo nada por ofertar educación en galego a quen así o solicitar.

Nin sequera o feito de que aspectos centrais do decreto  79/2010 como a posibilidade de que a lingua na aula fose diferente á da materia, foran declarados ilegais polo TSXG conseguiu que a Xunta mudase a súas postura. O mesmo Tribunal confirmara a plena legalidade do decreto 124/2007 derrogado.

Neste período puidemos constatar as graves consecuencias que tivo a derrogación do decreto 124/2007 que introducía oferta de preescolar en galego e como mínimo de 50% de ensino en galego para todos os ciclos educativos obrigatorios, así como ciclos formativos e Bacharelato, substituíndoo polo Decreto 79/2010, que limita a un máximo do 50% o número de materias a impartir en galego, co obxectivo de que sexan o 33%, prohibindo expresamente a impartición en galego de matemáticas na Educación Primaria e de Matemáticas, Tecnoloxía, e Física e Química en Secundaria.

Estas consecuencias foron  especialmente graves na  educación infantil das cidades. As “Galescolas”, escolas de Educación Infantil, cun proxecto educativo que contemplaba uns contidos mínimos en lingua galega, foron substituídas polas “Galiñas azuis” en 2010, ao tempo que se eliminaron os programas piloto de inmersión. Como resultado o galego está excluído de grande parte das escolas infantís das cidades galegas. Un estudo da Mesa pola Normalización Lingüística sinala que o galego só está presente no 6,57% das escolas infantís dos núcleos de máis de 50.000 habitantes, e só chega ao 50% no 2,41%. Os datos cos que respondeu a propia Xunta a este estudo elevan a presenza do galego ao 10%, unha cifra moi inferior á porcentaxe de falantes e tamén á demanda real existente de ensino en galego na sociedade.

No informe presentado pola Mesa pola Normalización Lingüísitica, os centros de Educación Infantil das cidades, mesmo aqueles que utilizaban o galego, queixábanse da falta de materiais de traballo neste idioma.

Outros retrocesos experimentados neste ámbito son:

–     Non se levou a cabo ningunha campaña de sensibilización ante o uso do galego para os diferentes membros da comunidade educativa. Fronte á análise crítica dos prexuízos existentes en relación ao galego, a derrogación   do   decreto   124/2007   e   a   xustificación   dada   pola administración contribuíu a afortalalos, xa que os representantes do goberno fixeron unha forte campaña con mensaxes como “o mellor para o seu futuro é que os escolares aprendan unha lingua útil como o inglés”, “ensinar matemáticas en galego failles máis difícil aos nenos aprender matemáticas”, etc.

–     Reduciuse  o  apoio  institucional  e  o  financiamento  ás  equipas  de normalización e dinamización lingüística que pasaron de 1 millón de euros en 2009 a 300 mil euros en 2014. O decreto 79/2010 eliminou do seu nome oficial a referencia á “normalización”.

–     Aprobouse por parte do Estado da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa,  que  contempla  a  obrigatoriedade  do  Estado  de  garantir  o ensino integramente en español a aqueles pais e nais que así o soliciten, abrindo a posibilidade de negar ao alumnado o coñecemento da lingua propia do seu territorio e mesmo de financiar con diñeiro público tal disparate pedagóxico. Ao tempo, prohíbese esta posibilidade para os pais e nais que queren escolarizar os seus fillos principalmente en galego.

–     O material educativo do proxecto Abalar (integración das TIC na práctica educativa en Galiza) non está en galego, nin sequera o das materias que segundo o decreto se deben impartir nesa lingua.

d) i) ofrecer educación técnica e profesional nas linguas rexionais ou minoritarias pertinentes;

Este compromiso tampouco se está a cumprir. Non exite ningún material didáctico en galego na inmensa maioría das ramas dos ciclos de Formación Profesional, polo que é imposíbel que se estea a cumprir tanto o que indica a Carta como o propio Decreto 79/2010.

O  galego  tamén está completamente  excluído  da  Formación  Profesional a distancia, que afecta a cerca de 5000 alumnos e alumnas. A situación é tran grave que en decembro de 2013 o Goberno galego eliminou da Plataforma de formación a distancia os poucos materiais que xa estaban editados en galego e substituiunos por outros en español.

f) i) tomar disposicións para que se impartan cursos de ensino para adultos e de educación permanente principal ou totalmente nas linguas rexionais ou minoritarias,

Mostra do desinterese da Xunta neste ámbito é a falta de medios básicos por parte do profesorado contratado ou o conflito provocado polo despedimento do profesorado CELGA contratado en condicións de precariedade incumprindo a lexislación laboral.

Nos últimos anos houbo graves problemas e irregularidades con respecto a esa formación lingüística de persoas adultas, nomeadamente desde 2013 ao optar a Xunta por despedir todo o profesorado existente formado especificamente para esa función e con ampla experiencia. Eses despedimentos foron denunciados polas persoas afectadas e están sendo declarados como “despedimentos nulos” por parte da Xustiza (até o momento xa hai sete sentenzas nese sentido, e ningunha en sentido contrario), o que obriga á Xunta á súa readmisión e á indemnización correspondente. Mais, o feito de que a Xunta prescindise dese persoal, significou, na práctica, que prescindise da xente mellor preparada para esa tarefa e, polo tanto, que renunciase á máxima calidade posíbel para a formación lingüística de persoas adultas.

Deixouse  de  contar  coa  colaboración  dos  concellos  para  a  formación  de adultos, polo que a súa  difusión foi moi inferior e, polo tanto, as persoas inscritas moitas menos.

Non existe ningunha formación lingüística específica para diversos sectores sociais, necesaria para mellorar a competencia e fomentar o galego neses sectores, como poderían ser: o xornalismo, a publicidade, a empresa, o comercio, o asociacionismo, sanidade, etc.

Por outra banda, á marxe dos cursos de lingua, non se toman medidas para que o resto da oferta formativa para adultos e formación permanente se vehiculice principalmente en galego, tal como apunta este punto da Carta, polo que consideramos que este obxectivo non se cumpre.

g) tomar medidas para asegurar o ensino da historia e cultura das que é expresión a lingua rexional ou minoritaria

Temos que amosar a nosa preocupación en relación a este punto, xa que a recente aprobación da LOMCE (Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa), que segundo declarou o ministro responsábel naceu co obxectivo de “españolizar” o sistema educativo, supón un paso atrás. Entre outros aspectos, centralízanse contidos en Madrid, redúcese a posibilidade de que as Comunidades Autónomas adapten o currículo á súa realidade histórica e cultural.

h) fornecer a formación básica e permanente dos profesores requirida para aplicar os parágrafos do a) ao g) aceptados pola Parte;

Este é outro dos compromisos incumpridos. Non se ofrece formación permanente aos profesores para facilitar a  aplicación dos compromisos da Carta. Aínda que o artigo 16 do Decreto 79/2010 expón que as autoridades teñen que deseñar un plan de formación do profesorado coa finalidade de garantir que todos os ensinantes teñen a suficiente competencia oral e escrita para comunicarse e levar a cabo a súa actividade profesional en galego e coñecer a situación de Galiza, continúa sen ofrecerse unha oferta específica de formación permanente para o profesorado en activo encamiñada a mellorar a súa competencia lingüística.

i) crear un órgano de control ou órganos responsábeis do seguimento das medidas adoptadas e dos progresos realizados no estabelecemento ou desenvolvemento do ensino das linguas rexionais ou minoritarias e redactar informes periódicos sobre as súas conclusións que  se farán públic

Cómpre denunciar que a Xunta se nega activa e sistematicamente a cumprir este compromiso. Non se redactou nin se fixo público ningún informe oficial que avalíe a situación e as consecuencias que as medidas regresivas levadas a cabo polo Goberno están a supor para o ensino en galego.

Desde a entrada en vigor do Decreto 79/2010 a comunidade educativa, organizacións sociais, grupos políticos ou nais en pais preocupados soliciaron en incontábeis ocasións información ao respecto e unha avaliación seria dos resultados que para o galego no ensino estaba a supor este drecreto, sen obter resposta da Administración. Só tras a presentación do estudo da Mesa sobre a eliminación do galego na educación infantil das cidades a Xunta ofreceu porcentaxes propias sobre o uso do galego nas distintas etapas educativas, porén negándose a facer públicos os datos, as fontes e a metodoloxía empregrada para impermitir que se contrastasen. Non foi unha avaliación seria senón simple propaganda. O máximo responsábel da Consellaría de Educación chegou a defender nunha comparecencia do Parlamento Galego que non tiña ningunha obriga legal de facer pública esta información, negando así o compromiso explicitado neste punto da Carta.

Non é certo, como sinala o informe do Estado, que a inspección educativa estea a cumprir este labor, xa que os datos recollidos polo XADE son mera información burocrática, e non se poden considerar unha avaliación real e fiábel da presenza do galego no ensino (os centros limítanse a indicar nesta aplicación que teñen intención de cumprir a lei…).

Parágrafo 2

En materia de ensino e polo que se refire a territorios diferentes daqueles nos que se falan tradicionalmente as linguas rexionais ou minoritarias, as Partes comprométense a autorizar, fomentar ou estabelecer, se o número de  falantes dunha lingua rexional ou minoritaria  o xustifica, o ensino dunha  lingua  rexional   ou  minoritaria  ou  nela,   nos  niveis   que  se consideren oportunos.

Aínda que non se pode dicir que se incumpre este apartado en senso estrito, si que cómpre denunciar a precarización á que a SXPL somete o profesorado que asume o labor de ensinar galego nas universidades de fóra de Galiza, concretamente o dos lectores ou lectoras, que son a maioría.

Desde hai anos, na maioría dos casos, eses lectores e lectoras eran bolseiros/as temporais, sen contrato laboral, xa que impartían esa actividade con bolsas de formación. Hai uns anos acordárase e comezáranse a dar pasos para ir convertendo paulatinamente en contratos os postos nos Lectorados que se estaban a cubrir mediante bolsas, pero agora a Secretaría Xeral de Política Lingüística paraliza e reverte este proceso e executa un novo retroceso para o galego, efectivizado na precarización da actividade e, polo tanto, na precarización da formación lingüística en galego e empeorando a súa imaxe internacional, pois eses/as lectores/as son, na práctica, a imaxe de Galiza e do galego nas súas respectivas universidades, cidades e países.

 

ARTIGO 9. XUSTIZA:

Parágrafo 1

As Partes comprométense, no que respecta ás circunscricións xudiciais  nas  que  o  número  de  residentes  que  utilizan  as  linguas rexionais ou minoritarias xustifique as seguintes medidas específicas e segundo a situación de cada unha destas linguas e a condición de que a utilización das posibilidades ofrecidas polo presente parágrafo non sexa considerado polo xuíz un impedimento para correcta administración de xustiza, a:

a) en procesos penais:

i) facilitar que os órganos xurisdicionais, a petición dunha das Partes, desenvolvan os procedementos nas linguas rexionais ou minoritarias.

b) en procesos civís:

i) facilitar que os órganos xurisdicionais, a petición dunha das Partes, desenvolvan o procedemento nas linguas rexionais ou minoritarias.

c) en procesos ante as xurisdicións pertinentes en materia administrativa:

i) facilitar que os órganos xurisdicionais, a petición dunha das Partes, desenvolvan o procedemento nas linguas rexionais ou minoritarias.

Continúan a se incumprir de forma ostensíbel os apartados a.i), b.i) e c.i).

O Estado fixo caso omiso das recomendacións do Comité de Expertos neste ámbito.  É  evidente  que  non  se  fixo  nada  por  corrixir  o  marco  legal  coa finalidade de aclarar que as autoridades xudicias do penal, civil e administrativo en Galiza poidan desenvolver os procesos en galego a petición dunha parte. O propio informe presentado nesta cuarta avaliación polo Estado así ao constata ao invocar o artigo 231 da LOPX, que sinala que a utilización do galego é unha opción  voluntaria  dos  xuíces,  fiscais,  etc.  (sempre  que  non  se  opoña ningunha das outras partes), incompatíbel na práctica co dereito dos cidadáns a solicitar que o procedemento xudicial se desenvolva na súa lingua, como recollen os apartados a.i), b.i) e c.i). da Carta Europea.

Nos tribunais de xustiza, antes do inicio de calquera procedemento, non se pregunta de oficio cal é a lingua habitual do cidadán ou cidadá para que esa sexa a lingua de toda a actuación, tanto oral coma documental. Mesmo cando o interesado ou interesada solicita abertamente o seu desexo de que o procedemento e notificacións se tramiten na súa lingua en moitas ocasións non se lle garante este dereito.

a) iv)   producir, previa solicitude, os documentos relacionados cos procedementos legais nas linguas rexionais ou minoritarias pertinentes, se fose necesario, recorrendo ao uso de intérpretes e traducións que non supuxesen gastos adicionais para as persoas en cuestión:

Temos constancia de que tampouco este apartado se está a cumprir. Na maioría das ocasións, aínda habendo unha solicitude expresa, os secretarios xudiciais néganse a lles facilitar aos interesados as sentenzas ou notificacións do proceso en galego.

Nestes casos o propio Consejo General del poder Judicial ampara os secretarios xudiciais que se negan a facilitar sentenzas ou notificacións en galego e nega que este exista este dereito cidadán.

En relación ao incumprimento deste parágrafo, temos que continuar denunciando que o coñecemento do galego continúa a non ser un requisito para exercer como xuíz/a, fiscal/a ou secretario/a xudicial en Galiza.

Mais a escasa utilización  do  galego  no  ámbito da  xustiza  (as  estimacións existentes indican que só o 5% das sentenzas son en galego) non se debe só á negativa ou á falta de competencia lingüística de grande parte dos membros do poder xudicial e ministerio fiscal. Moitas veces é a propia administración a que dificulta este uso.

Un claro exemplo é a aplicación informática de uso obrigado en todos os xulgados, (Minerva) que non permite o uso da lingua galega malia estar proporcionada pola Xunta, obrigando a quen quixer facer o seu traballo en galego a unha sobrecarga de máis do 40%, xa que ten que facer todo o proceso de forma manual. Paradoxalmente o Estado sinala no seu informe a plena implantación deste aplicativo como un logro, cando é a principal pexa para que moita xente que podería ter vontade de utilizar o galego nos xulgados non o poida facer. Alén diso, lonxe de tentar solucionar o problema como sinalaba no informe anterior, a Xunta paralizou a incorporación de modelos en galego, e canto máis se actualiza a aplicación máis se dificulta o uso do galego.

Así,   escolla persoal dun cidadán, dunha cidadá ou dun funcionario ou funcionaria de empregar a lingua galega supón sempre unha penalización ou sanción para este/a, que implica:

a) Unha dilación das causas para o cidadán, xa que a necesidade de tradución e intérpretes que impoñen certos xuíces supón unha ralentización dos proceso

b) Un duplo esforzo, pois para desempeñar o seu labor diario deberán asumir tamén un labor de tradución de lexislación, documentos e formularios, que require unha concienciación e voluntariedade que non todos están dispostos a sufri

Esta  penalización  permite  constatar  a  evidente  desigualdade  perante  o español, pois se optaren por este nin se causaría dilación nin sería necesario o sacrificio persoal, pois terían ao seu dispor e desde o primeiro momento a lexislación e formularios neste idioma.

Parágrafo 3

As partes asumen facilitar os textos estatais estatutarios máis importantes nas linguas rexionais ou minoritarias, agás que se proporcionen doutra maneira.

Continúa a se incumprir este compromiso.

No anterior informe de avaliación o Comité sinalaba que só desde 1998 os textos máis relevantes se publicaran en galego no Boletin Oficial do Estado, cunha  demora  de  máis  de  tres  meses,  polo  que  só  se  podía  acceder ás novidades lexislativas en español.

Hai que denunciar que os textos legais traducidos están desfasados, xa que só se traduciron as súas versións iniciais, máis non as consolidadas. A día de hoxe, cos cambios normativos, non existen versións consolidadas de practicamente ningún texto legal en galego. Non é posíbel acceder a versións consolidadas de textos legais en galego en formato electrónico nin en ningunha base de datos. As actualizacións e versións consolidadas  que chegan aos xulgados, pagadas tanto pola Xunta como polo Estado, están só en español.

Ademais, as versións en galego dos documentos adoitan incorporar con retraso as modificacións legais, ou directamente non as incorporan nunca (como é o caso da instrución do procedemento abreviado). Con isto denígrase a opción do galego na Administración de Xustiza, e desincentívase, pois obriga a revisar modelo a modelo cada vez que se quixer empregar.

En resumo, en materia de xustiza, a análise da situación da aplicación da

CELRM no Estado español permite concluír:

i) Que a normativa aprobada polo Estado español é insuficiente para garantir o cumprimento da CELRM no ámbito da Administración de Xustiza.

ii) Que dita normativa non vai acompañada de medidas de seguimento e control do seu cumprimento.

iii) Que a mentada regulación debe ser apoiada polos medios humanos e materiais precisos para facela operativa, e que sexan axeitados ao actual nivel de emprego de novas tecnoloxías polos órganos xurisdicionais.

iv) Que os  propios  órganos  xurídicos  do  Estado  e  da  Comunidade

Autónoma incumpren sistematicamente o contido da Carta.

v) Que o cidadán residente na Galiza ve vulnerado sistematicamente o seu dereito a un procedemento xudicial en galego, ou ben se lle respecta este dereito causándolle unha dilación indebida no coñecemento e resolución da súa causa.

vi) Que os Corpos actuantes na Administración de Xustiza que asumen o compromiso de garantir o emprego do galego nese ámbito ven multiplicada a súa carga de traballo por falta de apoio das distintas Administracións, e por fin

vii) Que a consecuencia última é a marxinación da lingua galega no eido da Administración de Xustiza, colaborando así a un proceso subtil de desaparición do idioma galego.

Artigo 10. AUTORIDADES ADMINISTRATIVAS E SERVIZOS PÚBLICOS

Parágrafo 1

Nas circunscricións administrativas do Estado nas que o número de residentes falantes das linguas rexionais ou minoritarias xustifiquen as medidas que figuran a continuación e segundo a situación de cada lingua, as Partes comprométense, na medida na que sexa razoabelmente posíbel, a:

a) i) garantir que as autoridades administrativas empreguen as linguas rexionais ou minoritarias;

As eivas sinaladas no cumprimento deste obxectivo polo Estado no anterior informe do Comité de Expertos non só se manteñen hoxe en día senón que se deron importantes pasos atrás.

A primeira mosta da vontade de involución é que o actual Goberno central eliminou o Consello de Linguas Oficiais na Administración Xeral do Estado, que se creara na anterior lexislatura.

Tamén houbo importantes pasos atrás na accesibilidade en galego ás páxinas webs dos ministerios e dos órganos da  Administración estatal. Tras a súa remodelación a maioría só ofrecen textos de presentación ou información estática en galego, mais non permiten facer xestións nin dirixirse a eles usando o galego.

Neste senso, a implantación da administración electrónica está a supor importantes dificultades para garantir o dereito de utilizar o galego perante a administración estatal. Trámites que hai uns anos se facían en galego sen problema en sedes territoriais, hoxe non só non de poden realizar en galego senón que nin sequera admiten que se presente documentación neste idioma.

Neste período derónse casos moi graves nos que a Administración do Estado se negaba a aceptar documentación presentada en galego.   (Por exemplo, negóuselle a bolsa predoutoral a ducias de estudantes por teren os seus certificados de estudos en galego).

Non  se  tomaron medidas  para  garantir  e  avanzar  na  formación  lingüística funcionarios do Estado como sinalaba a anterior avaliación.

Así mesmo, temos constancia de que moitas Administracións territorias do

Estado se negan a tramitar documentacións e expedintes en galego mesmo cando se lles pide expresamente e a lexislación recoñece este dereito dos cidadáns.

b) facilitar amplamente formularios  e  textos  administrativos  para  a poboación nas linguas rexionais ou minoritarias ou versións bilingües;

Tamén se continúa a incumprir este  obxectivo  e  se  constatan  importantes retrocesos ao respecto. Os documentos e formularios que até hai pouco tempo se  podían  empregar  en  galego  con  normalidade  agora  só  se  ofrecen  en español. Salienta o caso da Axencia Tributaria, que fixo desaparecer da súa páxina web algúns dos formularios de uso común que até hai pouco eran accesíbeis en galego.

Mesmo no caso no que existen modelos nas diferentes linguas oficiais, na actualidade a Administración do Estado só distribúe as versións en español e négase a facilitar copia en galego a quen as solicita.

c) permitir ás autoridades administrativas redactar documentos nunha lingua rexional ou minoritaria;

– Ignoráronse medidas previstas como a de estebelecer como norma que todas ascomunicacións da Administración central (maiormente a de acenda) se fagan na lingua declarada como habitual no Censo, tal e como estabelecía o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado en 2004.

– Existen graves problemas para poder dirixirse en galego á Administración do Estado, nomeadamente a través das sedes electrónicas que, na maior parte dos casos, non ofertan a opción en galego nin admiten documentación nesta lingua. No caso de Facenda é o máis evidente na medida en que o trato con esta Administración é obrigatorio para o conxunto da cidadanía.

– A Administración do Estado non recoñece a validez de documentación oficial redactada en galego. Por exemplo, o Ministerio de Economía negoulle a ducias de estudantes acceder a bolsas predoutorais en 2013 por presentaren o título oficial expedido polas Universidades galegas en galego, cando si se admitía en castelán e inglés (non sendo este último oficial en ningún territorio do Estado, como si o é formal e teoricamente o galego na comunidade autónoma de Galiza).

– Continúase sen garantías mínimas por parte da cidadanía de obteren os seus documentos notariais en galego sen que implique demoras ou molestias innecesarias, que evidencian o desleixo da Administración en facer efectivos os dereitos lingüísiticos da cidadanía.

– A Xunta de Galiza asinou un convenio co Exército español para a prevención de incendios no 2013, que ten como primeira cláusula previsións lingüísticas que só permiten o uso do castelán en calquera relación co Exército, seguindo a OM 35/1987 de 17 de xuño, o que supón crear graves vulneracións de dereitos cidadáns en momentos de grande tensión e perigo.

Parágrafo 2

No que respecta ás autoridades locais e rexionais en cuxos territorios exista un número de residentes falantes das linguas rexionais ou minoritarias que xustifique as medidas que figuran a continuación, as Partes comprométense a permitir e/ou fomentar:

a) o uso das linguas rexionais ou minoritarias no marco da administración rexional ou local;

b) a posibilidade de que os falantes das linguas rexionais ou minoritarias presenten solicitudes orais ou escritas nestas linguas.

Tamén neste apartado hai que denunciar importantes retrocesos:

No informe presentado polo Estado, refírese na sección de “Acceso á Función Pública e formación” á Lei 2/2009, de 23 de xuño, da función pública de Galiza e á acreditación do coñecemento da lingua galega nas probas de acceso á función pública. En realidade esta lei supuxo un paso atrás no cumprimento do artigo 10, como xa recoñeceu o Comité de Expertos no seu anterior informe (parágrafo 994) pois relaxa a proba de coñecemento do galego na contratación do persoal que traballa para a Administración. Esta Lei 2/2009 de modificación da Lei de Función Pública eliminou a exixencia de que das probas para o acceso á función pública, cando menos unha fose realizada en galego, eliminando  así a  necesidade  de  demostrar  o  seu  coñecemento  e  correcta expresión para o funcionariado e persoal laboral da Administración galega. Agora é suficiente coa certificación de ter superado un curso de galego. Ao non verificarse na práctica a correcta competencia en galego do persoal da Administración, non se pode garantir o dereito da cidadanía a ser atendida normalmente nesta lingua.

– Non se estabeleceron mecanismos que garantan un aumento efectivo da presenza do galego nas entidades receptoras de axudas públicas e, xa que logo, non se puido avaliar o cumprimento.

– Constátanse incumprimentos na utilización da forma galega dos topónimos como única válida e oficial tanto por parte das diferentes administracións como por empresas ou entidades que contan con financiamento público.

– No período 2009-2013 o orzamento para medidas de fomento do galego da Secretaría Xeral de Política Lingüísitica pasou de 21,5 millóns de euros a 5,72 millóns, o que supón unha redución de máis do 73%.

Tamén no ámbito da administración local hai dificultades para utilizar o galego nalgúns concellos, e elimináronse case de vez as políticas de fomento:

– A privatización de servizos municipais e/ou a súa subcontratación motiva que moitos se deixen  de prestar en  galego  non  dando  nin  sequera  opción  de atención en galego, baixo o argumento de seren empresas foráneas. Trátase dun problema novo, que cada vez estamos a encontrar con máis frecuencia.

– Non se lle exixen garantías de respecto aos dereitos lingüísticos da cidadanía ás empresas concesionarias da administración.

– Moitos cargos públicos no concellos exprésanse exclusivamente en castelán e néganse a facelo en galego, contravindo mesmo ordenanzas e disposicións desas mesmas administracións locais. Algúns dos concellos máis importantes estanse a caracterizar por unha política de exclusión do galego, deixando de ter o galego como lingua de traballo.

– Rebaixa na liña de subvencións ás entidades locais para a promoción do galego, a través das que, desde hai máis de 20 anos, desde a Xunta se colabora cos concellos na creación ou mantemento de servizos de normalización lingüística (SNL) e no desenvolvemento de accións de fomento do galego. Mentres a contía destinada a este fin en 2005 era de 751.266 € ou en 2009 de 801.708 €, nos últimos anos reduciuse á metade ou menos da metade: 520.000 € para dúas anualidades, as de 2011 e 2012 (pois en 2011, aínda que a Xunta orzamentara 420.000 € para este fin, finalmente suspendeu as axudas, polo que destinou realmente 0 € en 2011 para este fin), 400.000 € para 2013 e 300.000 € para 2014, o que significou, na práctica, o peche de máis dun terzo dos servizos de normalización lingüística municipais existentes até o momento.

– Paralización da coordinación desde a Xunta dalgunhas das accións deses servizos de normalización lingüística municipais. Aínda que esa coordinación sempre fora moi escasa e débil, coa constitución da Rede de Dinamización Lingüística en 2011 ficou totalmente paralizada. A esta rede, unha asociación voluntaria vinculada á Secretaría Xeral de Política Lingüística, están adheridas unhas 150 entidades locais, mais sen significar esa adhesión ningún tipo de compromiso nin acción a favor do galego, e sen nin sequera contaren a gran maioría desas 150 entidades con servizos técnicos para o fomento do galego. De feito, esa Rede de Dinamización desenvolve actividades principalmente de carácter cultural nos municipios (exposicións, representacións teatrais, contacontos, etc.), mais non planifica nin desenvolve accións de dinamización lingüística nin nos ámbitos administrativos, nin nos empresariais, hostaleiros, asociativos, etc. Que a Secretaría Xeral de Política Lingüística centrase a súa acción nos concellos a través desa Rede significou que deixou de promover as xa escasas intervencións conxuntas entre diferentes SNL, e fixo que desde os concellos estes departamentos técnicos fosen percibidos como prescindíbeis, o que favoreceu o peche de moitos deles e, polo tanto, a paralización real de accións de fomento do galego no ámbito da administración local.

 

Parágrafo 3

No que respecta aos servizos públicos proporcionados polas autoridades administrativas ou outras persoas que actúen no seu nome, as Partes comprométense, no territorio no que se empregan as linguas rexionais ou minoritarias, de acordo coa situación de cada lingua e na medida en que sexa razoablemente posíbel, a:

a) garantir que as linguas rexionais ou minoritarias se empreguen na prestación do servizo;

Este obxectivo incúmprese  na maioría  dos casos.  Como  xa  sinalamos, un problema cada vez máis estendido co que nos temos que encontrar é que a privatización de servizos municipais e/ou a súa subcontratación motiva que moitos se deixen  de prestar en  galego  non  dando  nin  sequera  opción  de atención en galego, baixo o argumento de seren empresas foráneas.

Non se lle exixen garantías de respecto aos dereitos lingüísticos da cidadanía ás empresas concesionarias da administración.

Os servizos públicos dependentes da administración do Estado non garanten en xeral a prestación do servizo en galego.

Parágrafo 4

Co fin de aplicar as disposicións dos parágrafos 1, 2 e 3 por elas aceptados, as Partes comprométense a adoptar unha ou máis das seguintes medidas:

b) contratación e,  no  seu  caso,  formación  dos  funcionarios  e outros empregados necesarios para os servizos públicos;

As consideracións formuladas polo Comité de Expertos no seu anterior informe con respecto ao non cumprimento deste obxectivo por parte do Estado continúan a ser totalmente válidas, pois nada mudou en positivo.

Parágrafo 5

As Partes comprométense a permitir o emprego ou adopción de patronímicos nas linguas rexionais ou minoritarias a petición dos interesados.

Malia que houbo avances lexislativos para simplificar o proceso, continuamos a constatar casos puntuais nos que algúns responsábeis dos Rexistos impiden a inscrición de patronímicos en galego.

ARTIGO 11.  MEDIOS DE COMUNICACIÓN

A día de hoxe, a porcentaxe de uso do galego nos medios de comunicación é inferior á que existía na década dos oitenta. Multiplicáronse os medios en español e os medios públicos do Estado reduciron drasticamente as emisións en galego.

Parágrafo 1

As Partes comprométense, para os usuarios das linguas rexionais ou minoritarias nos territorios nos que se falan as devanditas linguas, segundo sexa a situación de cada lingua, na medida na que os poderes públicos directa ou indirectamente teñan competencias, atribucións ou xoguen un papel neste ámbito, respectando o principio de independencia e autonomía dos medios de comunicación, a:

a) na medida na que a radio e a televisión teñan unha misión de servizo público:

i) asegurar a creación de, polo menos, unha emisora de radio e unha canle de televisión nas linguas rexionais ou minoritarias;

Temos que constatar a consolidación da deriva negativa na que entrara xa en períodos  de  avaliación  anteriores  a  Radio  Televisión  Pública  do  Estado (RTVE), que reducira drasticamente as súas emisións en galego en TVE e en RNE. O contido en galego das descoñexións de TVE continúa reducido á mínima expresión, e en relación a RNE non só non se fixo nada por recuperar as emisións de Radio 4 en galego, senón que a recente remodelación de Radio 5 consolidou a eliminación do galego das súas desconexións.

Esta falta de apoiopor parte dos medios de comunicación públicos supón que a porcentaxe de galego no conxunto das emisións televisivas e radiofónicas se reduza máis ano tras ano, coas conseguintes consecuencias negativas para a lingua de Galiza. A este respecto, é especialmente grave a insuficiencia ou carencia, segundo os casos, dunha programción destinada á poboación infantil e xuvenil no noso idioma.

b) i) fomentar e/ou facilitar a creación de, polo menos, unha emisora de radio nas linguas rexionais e minoritarias;

Continúa a incumprirse totalmente este obxectivo xa que non hai ningunha emisora de radio privada que emita principalmente en galego. O uso do galego nas emisoras existentes no territorio de Galiza continúa a ser marxinal.

c) i) fomentar e/ou facilitar a creación de, polo menos, unha canle de televisión nas linguas rexionais e minoritarias;

O  incumprimento  deste  compromiso  é  total.  Nas  televisións  privadas  que emiten para o conxunto do Estado o uso do galego foi totalmente inexistente. Na única televisión privada de ámbito autonómico que emite para o conxunto de Galiza a programación en galego é moi reducida, sen que a Xunta faga nada por garantir que se cumpra a porcentaxe mínima estabelecida na concesión da licenza (50%).

d) fomentar e/ou facilitar a produción e distribución de obras sonoras e audiovisuais nas linguas rexionais ou minoritarias;

Tamén no ámbito das axudas públicas concedidas ao sector audiovisual houbo importantes recortes.

As producións audiovisuais galegas, como Vilamor ou O Apóstolo sofreron importantes difcultades de distribución nas salas comerciais, sobre todo as versións en galego, sen que a Xunta se implicase en mudar isto. Así, malia ser certo  que  existen  axudas  á  produción,  non  se  fai  nada  por  garantir  a distribución destes produtos audiovisuais.

O orzamento para dobraxes da Compañía de Radio Televisión de Galiza era de 3,3 millóns de euros en 2012 e de 1,5 millóns en 2013, e descoñécese o de 2014 mais no que vai de ano non se dobrou ningún filme e o paro no sector é case total desde marzo. Isto implica que a TVG xa non emite series nin filmes actuais producidos en linguas estranxeiras, e a maior parte dos que programa son de finais dos anos 80, incluídas as dirixidas a público infantil.

O goberno galego non mostra interese en chegar a acordos con compañías privadas para que oferten a opción de escoitas filmes ou series dobradas ou subtituladas  lingua  galega  a  través  da  TDT  ou  do  mercado  de  DVDs.  A presenza da opción de galego neste mercado é anecdótica, cando varias distribuidoras xa se teñen manifestado dispostas a chegar a acordos e mesmo algunhas xa o fixeron no pasado mais desistiron pola falta de negociación por parte da Xunta (p. ex., Filmax e Luk Internacional).

Tampouco hai apoio á distribución de filmes estranxeiros dobrados ou lexendados para o galego: no período de avaliación non se distribuíu ningún filme  lexendado  nin  dobrados  ao  galego  nas  salas  de  cine  comerciais  de Galiza. É así unha situación excepcional e única no conxunto das linguas que teñen rango de oficialidade no Estado español.

e) i) fomentar e/ou facilitar a creación e/ou mantemento de polo menosun periódico nas linguas rexionais ou minoritarias;

Incúmprese   tamén   este   compromiso.   Non   existe   en   Galiza   ningunha publicación diaria en papel integramente en galego e só unha semanal, Sermos Galiza. En contra do que sostén o Estado no seu informe, este período caracterizouse por unha redución drástica das axudas aos medios de comunicación e polo peche das cabeceiras que apostaban polo uso do galego: O 28 de xuño de 2011, o único periódico diario  en  galego,  Galicia Hoxe, pechou definitivamente debido a razóns económicas, das que o propio medio responsabilizou á falta de apoio da Xunta, e agora só se atopa dispoñíbel en Internet, ao igual que tamén Xornal de Galicia, que era o segundo en importancia en relación a contidos en galego (arredor do 40% dos seus artigos) deixou tamén de existir en xullo de 2011, anunciando a fin da súa versión web en decembro dese ano. A mesma sorte corrreu o xornal grauíto De Luns a Venres  Tamén  deixou  de  imprimirse  en  setembro  de  2011  o  histórico semanario A Nosa Terra e mesmo desapareceron xornais electrónicos en galego como Vieiros.

Tamén é necesario matizar que non é exacto afirmar que os xornais de maior distribución, como La Voz de Galicia, conten cunha edición en galego na súa versión web, xa que só é posíbel acceder a unha tradución automática sen ningún tipo de revisión ou corrección humana, que consecuentemente ofrece en moitas ocasións textos inintelixíbeis que non aconsellan o seu uso.

g) apoiar a formación de xornalistas e demais persoal para os medios de comunicación que empreguen as linguas rexionais ou minoritarias

Non existe ningunha liña de actuación para a formación de xornalistas e outro persoal dos medios que empregan o galego.

Parágrafo 2

As Partes comprométense a garantir a liberdade de recepción directa  das  emisións  de  radio  e  televisión  dos  países  veciños  nunha lingua usada de forma similar ou idéntica á unha lingua rexional ou minoritaria, e a non opoñerse á retransmisión das emisións de radio e televisión dos países veciños na devandita lingua. Así mesmo, comprométense a garantir que non se imporán restricións á liberdade de expresión e á libre circulación da información na prensa escrita nunha lingua empregada de forma idéntica ou similar á unha lingua rexional ou minoritaria (…).

O  incumprimento  deste  parágrafo  é  absoluto.  Hoxe  en  día  segue  a  ser imposíbel recibir en Galiza as emisións de radio ou televisión de Portugal, malia a proximidade lingüística e cultural e ser o portugués un Estado socio e aliado do español que amosou o seu interese en posibilitar esta recepción.

Cómpre salientar que no ano 2011 a cidadanía promoveu unha Iniciativa Lexislativa Popular fundamentada neste punto da Carta, que entre outras cousas instaba o Estado a chegar a un acordo con Portugal para posibilitar a recepción de TV e radios. Tras conseguir o apoio cidadán necesario chegou a ser debatida no Consegro dos Deputados, mais o grupo político que sustenta o actual Goberno impediu que se aprobase.

ARTIGO 12. ACTIVIDADES E SERVIZOS CULTURAIS

Malia vírense cumprindo en anteriores anos en maior ou menor medida os compromisos adquiridos no Parágrafo 1 deste artigo pola Xunta de Galiza, a política cultural do actual Goberno e a asfixia económica á que somete o sector deron lugar a gravísimos retrocesos neste ámbito:

–     Dificuldade   de   acceso   e   distribución   de   obras   audiovisuais   ou cinematográficas en galego nas salas comerciais.

–    Redución das axudas á tradución de ou ao galego.

–     Cómpre salientar as dificultades que atravesa o sector do libro galego e a impasividade da Xunta neste sentido, que continúa a o afogar cunha dura política de recortes. Neste sentido remitímonos ao duro informe que fixo público a Asociación Galega de Editores en 2013, no que sinalaba que nese último ano a edición de libros en galego reducírase nun 30%.

–     Imposibilidade  de  acceso  ás  obras  audiovisuais  ou  cinematográficas noutras linguas traducidas e/ou subtituladas ao galego. Agás as que en ocasións emite a TVG (coas limitacións antes sinaladas), non existe oferta nin nas salas de cinema comercial, nin en formatos alternativos (DVD, CD…).

–     O orzamento para dobraxes da Compañía de Radio Televisión de Galiza era de 3,3 millóns de euros en 2012 e de 1,5 millóns en 2013, e descoñécese o de 2014 mais no que vai de ano non se dobrou ningún filme e o paro no sector é case total desde marzo. Isto implica que a TVG xa non emite series nin filmes actuais dobrados nin lexendados en galego, incluídas as dirixidas a público infantil.

–     Salvo algunha acción publicitaria para promocionar a programación de música ou actividades en galego nas festas, non se fixo ningunha acción para a presenza da lingua nestas actividades, que con frecuencia é a actividade cultural máis relevantes en numerosos concellos e parroquias de Galiza.

–     As dificuldades de acceso a actividades e servizos culturais en galego nos concellos limítrofes co territorio galego e de fala galega son permanentes.

Parágrafo 3. As partes comprométense, na súa política cultural no estranxeiro, a dar un lugar apropiado ás linguas rexionais ou minoritarias e á cultura que as mesmas expresan.

Entendemos que o compomiso expresado neste parágrafo non se está a cumprir, pois na política cultural do Estado para o estranxeiro (nas actividades organizadas polo Ministerio de Exteriores, do Ministerio de Cultura ou as programadas polo Instituto Cervantes) non se lle dá á lingua e á cultura galega o lugar que merece (agás a colaboración, moi puntual, dalgún centro do Cervantes coa SXPL para organizar cursos de lingua galega).

ARTIGO 13.  VIDA ECONÓMICA E SOCIAL

O parágrafo 1 da Carta Europea di:

Con referencia ás actividades sociais e económicas, as partes acordan, en todo o país:

  1. a) eliminar da súa lexislación calquera cláusula que prohiba ou limite sen causas xustificadas  o uso de  linguas  minoritarias  ou rexionais en documentos   relacionados coa vida social ou económica, en concreto contratos laborais, así como en documentos técnicos como instrucións para o uso de produtos ou instalacións;
  1. b) prohibir a inserción en regulacións internas e documentos privados de  compañías  de  calquera  cláusula  que  exclúa  ou restrinxa o uso de linguas minoritarias ou rexionais, polo menos entre usuarios da mesma lingua
  2. c) oporse a prácticas deseñadas para desaconsellar o uso de linguas minoritarias  ou  rexionais  en  relación  con  actividades sociais ou económicas.
  3. d) facilitar e/ou fomentar, por outros medios distintos dos contemplados  no  apartados  anteriores,  o  emprego  das  linguas rexionais e minoritarias

Neste ámbito a Carta continúa a incumprirse en termos xerais, afectando ademais as discriminacións lingüísticas ás garantías para exercer outros dereitos, como a igualdade de oportunidades no acceso a un posto de traballo. A maioría dos convenios laborais continúan a non recoñecer os dereitos lingüísticos das traballadoras e traballadores.

Continúan a darse casos de acoso laboral e intimidacións por falar en galego (Como o recente caso dunha muller de Redondela, a quen lle advertiron ao se presentar a unha selección para acceder a unha bolsa de Turismo no concello que  se  facía  a  proba  en  galego  non  lla  corrixirían).  Non  hai  un  plan  de actuación por parte do Goberno para que este tipo de situacións non se continúen a producir.1

Fronte ás cerca de 200 disposicións que obrigan ao uso do castelán en actividades comerciais ou de información aos consumidores, só existe para o galego unha norma que ampara timidamente o uso do galego mais que non estabelece mecanismo para facelo efectivo.

Continuamente constatamos a imposibilidade dos/as usuarios/as de servizos de empresas non só de seren atendidos en galego, senón que en moitas ocasión non se lles permite expresárense en lingua galega.

En relación ao apartado d) deste parágrafo, en contra do que sinala o informe presentado polo Estado, o período que avaliamos caracterizouse pola total supresión das axudas á galeguización das empresas. Como mostra abonda con acceder ao web do Servizo de Normalización Lingüística da Confederación de Empresarios de Galicia (que o Estado pon como exemplo no seu informe) para comprobar que pechou pola falta de colaboración da SXPL (véxase: http://www.normalizacion.ceg.es/)

 

Parágrafo 2

No que respecta ás actividades económicas e sociais, as Partes comprométense, na medida na que as autoridades públicas teñan competencias, no territorio no que se empregan as linguas rexionais ou minoritarias e na medida na que sexa razoablemente posible, a:

a) incluír nos seus regulamentos financeiros e bancarios disposicións que permitan, por medio de procedementos compatibles cos usos comerciais, o emprego  das  linguas  rexionais  ou  minoritarias  na redacción de ordes de pagamento (cheques, letras de cambio) ou outros documentos financeiros ou, no seu caso, garantir a aplicación das devanditas disposicións;

Este obxectivo continúa a incumprirse. A inmensa maioría das entidades bancarias que operan en Galiza non dispoñen de documenación bancaria nin financeira accesíbel en galego, nin existe ningún tipo de regulación que protexa os dereitos lingüísticos dos galegofalantes neste ámbito. A venda das antigas caixas galegas (Caixa Galicia e Caixanova), que foran as entidades que nos períodos anteriores avanzaran na incorporación do galego á súa documentación,  supuxo  un  grande  retroceso  neste  ámbito.  A  entidade sucesora, Novagalicia Banco primeiro e despois Abanca, malia manter en xeral o uso do galego na publicidade, caixeiros, etc. deixou de disponibilizar a opción de galego en moitos contratos e trámites habituais.

b) nos sectores económicos e sociais baixo o seu control directo (sector público), realizar accións que fomenten o emprego das linguas rexionais ou minoritarias;

Este punto da Carta tampouco se cumpre, e mesmo se constatan pasos atrás en relación con anteriores períodos de avaliación.

Non houbo tales actividades de promoción do galego. Empresas públicas como RENFE e ADIF (servizos ferroviarios), Correos e Telégrafos ou AENA (aeroportos) só utilizan o galego parcialmente nalgunha da súa documentación externa máis formalizada, porén nos últimos anos hai unha deriva cada vez máis reacia a recoñeceren a diversidade lingüística do Estado, e por exemplo no caso de Renfe déronse pasos atrás evidentes, mesmo incumprindo a lexislación estatal no referido á toponima. Malia estar regulado que o persoal destas empresas debe atender a clientela en galego cando así o solicitar, nunca houbo suficiente persoal con capacidade de atención en galego nin hai programas de formación para solucionalo.

No que respecta á Xunta, tampouco se cumpre este punto e mesmo se vulnera a  propia  normativa  autonómica:  Non  se  contempla  a  utilización  da  lingua galega en empresas que asinan contratos co administración pública. Nin sequera a Consellaría de Educación e Cultura, que ten as competencias en normalización, e que nega a atención en galego en activiades formativas que subcontrata.

Outro exemplo: En materia de recursos contractuais, a Xunta de Galiza atribuíu ao Tribunal Central de Recursos Contractuales as súas competencias (BOE, 25 de Novembro de 2013). Xa que logo, todos os recursos especiais terán que ser redactados en castelán, o que só acontece no caso galego frente ás outras linguas oficiais no Estado.

c ) asegurar que os servizos sociais como hospitais, residencias de anciáns e albergues ofrecen a posibilidade de recibir e atender na súa propia lingua empregando unha lingua rexional ou minoritaria a aqueles que precisen coidados por mor de enfermidade, a idade ou outras razóns;

O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) está só formalmente galeguizado en parte da súa sinalización e da súa documentación. Porén, a maioría do persoal sanitario non está capacitado para atender en galego. Nin sequera a nivel escrito se garante este dereito: A Mesa denunciou casos moi graves nos que varios hospitais do SERGAS retrasaban durante meses operacións cirúrxicas de pacientes só por pediren asinar o seu consentimento informado en galego. A situación na sanidade privada é moito peor, cun uso nulo do galego.

A  Consellaría  de  Traballo  e  Servizos  Sociais  caracterizouse  neste  último período polo retroceso no respecto ao galego. Por exemplo excluíu o galego da publicación da súa Carteira de servizos sociais e dificulta que os traballadores sociais poidan facer o seu traballo en galego elaborando un modelo de Informe Social Unificado só dispoñíbel en español.

As residencias de terceira idade utilizan de forma abrumadora o castelán en todas as súas actividades, a pesar de que as persoas maiores en Galiza son moi maioritariamente galegofalantes.

  1. d) asegurar cos medios apropiados que as instrucións de seguridade se atopen tamén redactadas nas linguas rexionais ou minoritarias;

Non se fixo nada por cumprir este obxectivo. Os anuncios de seguranza nos soares en construción, elevadores, instrucións en casos de incendio, etc, están na maioría dos casos en castelán, e non existe ningunha regulamentación ao respecto que garanta o dereito a que esa información estea en galego.

 

ARTIGO 14. INTERCAMBIOS TRANSFRONTEIRIZOS

A Carta sinala unha serie de obrigas para os intercambios transfronteirizos que son de aplicación ás relacións entre Galiza e Portugal:

  1. a) Aplicar os acordos bilaterais e multilaterais existentes que os relacionan cos Estados en que se usa a mesma lingua de forma idéntica ou similar, ou cando sexa preciso procurar a conclusión   de   ditos   acordos,   para   fomentar   contactos   entre usuarios da mesma lingua nos estados afectados,  nas áreas da cultura, educación, información, formación profesional e perma
  1. b) Para o beneficio das linguas rexionais ou minoritarias, facilitar e/ou promover a cooperación entre fronteiras, en concreto entre as autoridades locais ou rexionais en cuxo territorio se usa a mesma lingua en forma idéntica ou semellante.

Malia isto, os acordos institucionais que facilite ou favoreza os contactos entre Galiza e Portugal continúan a ser anecdóticos. O Estado non chegou a ningún acordo bilateral con Portugal neste sentido.

A cooperación entre as autoridades locais de Galiza e de Portugal, así como a propiciada polo Goberno galego, é practicamente anecdótica.

 

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis