Mocidade

A folga estudantil do 19 de abril en defensa do galego suma xa millares de apoios nas redes sociais

Só o evento creado en Tuenti, rede maioritariamente empregada por xente nova, é seguido por case 3.500 mozas e mozos

Hai outro evento específico sobre a folga creado en Facebook, así como o hashtag #19Aestudantespologalego no Twitter

A folga estudantil convocada no ensino medio para o vindeiro 19 de abril pola Mesa e a súa sección xuvenil, a Mocidade pola Normalización Lingüística, e as organizacións estudantís Comités, Liga Estudantil Galega e Sindicato de Estudantes so o lema “Paremos os ataques contra o galego” suma xa numerosos apoios nas distintas redes sociais poucos días despois de a convocatoria ser lanzada publicamente.

Así, a pasada sexta feira (venres), só tres días despois de ser dada a coñecer publicamente a iniciativa, un total de 3.117 mozas e mozos seguían o evento creado na rede social Tuenti para dar a coñecer a convocatoria de folga estudantil nos centros de ensino medio de Galiza. A día de hoxe, só nesta rede social, a cifra xa se achega aos 3.500.

Aos apoios en Tuenti hai que sumar as adhesións á convocatoria nas redes Facebook e Twitter. Esta repercusión, segundo os convocantes, evidencia “o enorme interese que causa esta iniciativa reivindicativa, e sobre todo a súa necesidade”. De feito, algunhas mencións en Twitter a través do hashtag específico #19Aestudantespologalego aluden precisamente a que mobilizarse para denunciar a escasa presenza do galego nas aulas “é unha urxencia”.

Para a folga estudantil do vindeiro 19 de abril as organizacións convocantes acordaron conceder unha especial importancia ao uso das redes sociais na difusión da convocatoria para que esta chegue a canto alumnado sexa posíbel. A través da ligazón www.amesanl.org/gl/mocidade poderase seguir a diario a actualidade dos preparativos do paro.

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis