A Mesa pola Normalización Lingüística

A multitude de apoios recibidos e a boa acollida do estudantado nas asembleas e repartos informativos nos centros fan prever unha folga masiva este 19 de abril

As organizacións convocantes da xornada reivindicativa de mañá no ensino medio chaman o estudantado a “parar” as aulas como “mostra de compromiso e responsabilidade co futuro do galego”

Máis de 20.000 estudantes seguen os eventos relacionados coa folga creados nas redes sociais e seguen a aumentar as mencións ao paro en twitter mediante o hashtag #19Aestudantespologalego

A folga estudantil en defensa do galego que está chamado a secundar todo o alumnado de 2º ciclo de secundaria, bacharelatos e ciclos formativos de grao medio e superior de Galiza continúa a sumar apoios e adhesións a menos de 24 horas do seu inicio.

Se a pasada semana confirmaban o seu apoio á convocatoria a organización xuvenil Galiza Nova, a área de Mocidade de Esquerda Unida e a Mocidade Nacionalista Galega (MNG), cando faltan xa poucos días para a folga multiplícanse os apoios individuais e colectivos, de xuntas de delegadas/os do alumnado de centros de ensino medio de todas as comarcas galegas ou mesmo de asembleas organizadas polo propio estudantado en apoio ao paro.

As organizacións convocantes da xornada de folga que terá lugar esta quinta feira (xoves) 19 de abril: A Mesa pola Normalización Lingüística e a súa sección xuvenil, a Mocidade pola Normalización Lingüística; os Comités; a Liga Estudantil Galega e o Sindicato de Estudantes continuaron na mañá de hoxe a  informar nos propios centros de ensino medio das razóns do paro reivindicativo por medio de repartos e asembleas informativas que, segundo explican, “están a ter, polo xeral, unha extraordinaria acollida” por parte do estudantado.

Hoxe mesmo realizáronse de novo repartos simultáneos nas portas de varios institutos nas sete principais cidades galegas, como xa acontera tamén a pasada terza feira (martes). Paralelamente, en moitos centros de secundaria e FP as xuntas de delegadas/os xa fixeron chegar a súa adhesión á convocatoria. “É, sen dúbida, un bo indicativo de que o paro vai ter un respaldo masivo na maioría dos centros e en todas as etapas chamadas a o secundar”,  explica Sara Seco, responsábel nacional da Mocidade pola Normalización Lingüística.

Outro “bo térmometro” do impacto da convocatoria é, segundo indican as organizacións convocantes, o apoio “tremendo” que está a chegar á folga do día 19 a través das redes sociais; a primeira folga estudantil en defensa da lingua na que, de feito, se empregan estas “novas” ferramentas de difusión social.

Os apoios son especialmente numerosos en tuenti, rede social empregada moi maioritariamente pola xente nova, onde os distintos eventos sobre a folga suman xa máis de 20.000 apoios. Tamén se contan por centos os apoios recibidos a través de facebook e as mencións diarias á convocatoria a través de twitter, mediante o hashtag #19Aestudantespologalego, cuxo uso vai en aumento a medida que se achega o inicio da xornada reivindicativa de mañá.

As organizacións convocantes, así como as apoiantes, chaman a todo o estudantado de ensino medio a secundar a folga de mañá como un “xesto de compromiso e responsabilidade co futuro do galego”; compromiso e responsabilidade que, aseguran, “é o que lle falta ao goberno galego, ao conselleiro de Educación e Cultura e ao propio presidente Núñez Feijóo cando atacan a nosa lingua”.

“Chamamos á folga con independencia de cal sexa a lingua que se use no día a día”, indicou Sara Seco. “Do que se trata”, en opinión da dirixente das Mocidades da Mesa, “é reivindicar que siga a avanzar e non esmoreza unha lingua que é de todas e de todos nós”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra