A Mesa pola Normalización Lingüística

Organizacións estudantís convocan folga no ensino medio o vindeiro 19 de abril para “parar os ataques contra o galego”

Os convocantes denuncian que o uso do galego no ensino está mesmo por baixo do 20% en boa parte dos centros

A Mesa e as súas mocidades, os Comités, a Liga Estudantil Galega e o Sindicato de Estudantes advirten que o de Galiza é o único sistema educativo de todo o Estado onde se prohibe impartir determinadas materias na lingua propia

A Mesa e a súa sección xuvenil, a Mocidade pola Normalización Lingüística, xunto coas organizacións estudantís Comités, Liga Estudantil Galega e Sindicato de Estudantes, convocan unha folga estudantil no ensino medio para o vindeiro 19 de abril en defensa do “dereito a aprender en galego”.

Co lema central da convocatoria “Paremos os ataques contra o galego” e o hashtag nas redes sociais #19Aestudantespologalego, as organizacións convocantes do paro estudantil denuncian o “gran retroceso” que está a padecer a lingua propia nas diferentes etapas educativas desde a entrada en vigor do mal chamado decreto para o plurilingüismo do goberno de Núñez Feijóo.

“Case dous anos após a súa implantación, faise moi evidente que este foi e segue a ser un decretazo contra o galego”, sosteñen as organizacións impulsoras desta folga do alumnado, que denuncian que na maioría dos casos o uso real do galego nas aulas está “moi por debaixo” da teórica marxe 33-50% (dependendo do grao de interodución da lingua estranxeira) garantida legalmente e que en moitos centros “nin sequera chega ao 20%” sobre o total das horas semanais impartidas.

Os convocantes do paro tamén denuncian como “especialmente preocupante” a “precaria” situación do galego en moitos dos ciclos formativos e no ámbito das ensinanzas especiais ou na Educación Permanente de Adultos (EPA). “O galego non se emprega nas aulas e nin sequera existen materiais ou recursos de apoio na nosa lingua”, sinalan.

Outro dos motivos da chamada á folga será exixir do goberno de Núñez Feijóo que “poña fin á prohibición” de impartir as materias de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía en galego, como estabelece o actual decreto ao sinalar que esas materias deberán ser ministradas en castelán. As organizacións convocantes do paro estudantil recordan que o galego é o único sistema educativo dun territorio do Estado con lingua propia que “prohibe” o uso desta en determinadas áreas e consideran “impresentábel” que desde o executivo autonómica se diga que todo funciona con “normalidade”. “Para a Xunta, ‘normalidade’ é sinónimo de laminación do galego”, aseveran.

Na folga estudantil do vindeiro 19 de abril, que será de toda a xornada, está chamado a participar o alumnado do 2º ciclo da ESO, Bacharelato, Ciclos Formativos, EPA e Ensinanzas Artísticas e Especiais.

As organizacións convocantes iniciarán nos próximos días unha intensa campaña a través das redes sociais e nos propios centros, porén sinalan que esta irá “alén da data da folga” e comprenderá tamén un chamado á participación activa de todo o estudantado na manifestación convocada para o vindeiro 17 de maio en Santiago de Compostela pola Plataforma Queremos Galego.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra