Ambuibérica impídelle a comunicación en galego ao seu persoal

A Mesa reclámalle respecto e garantir os dereitos lingüísticos do cadro de traballadoras e traballadores

A Mesa pola Normalización Lingüística recibiu varias queixas sobre a empresa de ambulancias Ambuibérica porque lles impide facer aos traballadores e traballadoras a comunicación coa propia empresa en lingua galega. A empresa aduce, baixo a desculpa de “evitar erros” de interpretación, que os comunicados deben facerse en castelán.

Cando Ambuibérica mercou a empresa Ambulancias do Atlántico S.L.U., garantiuse que o persoal podería seguir empregando o galego para a comunicación interna coa empresa. Estas deberían ser realizadas por teléfono, fax ou correo electrónico. Houbo casos nos que traballadores e traballadoras tiveron que soportar como lles exixían novamente a documentación enviada porque “yo no hablo gallego”.

Cabe destacar que tanto Ambuibérica como Ambulancias do Atlántico S.L.U., son as encargadas de xestionar o servizo de transporte sanitario do 061 e do transporte hospitalario da área de Vigo, respectivamente, polo que deben prestar servizo coas mesmas condicións e teñen as mesmas obrigas que a administración pública. Desde A Mesa entendemos que unha empresa non pode vulnerar os dereitos dos seus traballadores e neste caso, a Xunta de Galiza debe tomar cartas no asunto e impedir estas actitudes, pois están a prestar un servizo para a administración pública.

Neste sentido, o presidente da Mesa Marcos Maceira, apuntou que “a Consellaría de Sanidade e a Secretaría Xeral de Política Lingüística deben implicarse e impedir que a empresa vulnere lexislación básica en materia de dereitos laborais e lingüísticos”.

Ambuibérica, aínda que sexa unha empresa privada, non pode vulnerar a lexislación tal e como está a facer empregando a súa posición de poder fronte os seus empregados e empregadas. Desde a Mesa lembrámoslle que o artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galiza establece que o galego é a nosa lingua propia, que é oficial xunto co castelán, que todos temos o dereito de a coñecer e usar e que ninguén pode ser discriminado por causa da lingua que fale. Do mesmo xeito, con ese “convite” a empregar o castelán incumpre o apartado c) do artigo 13 da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias no que se rexeitan as prácticas que tendan a desmotivar o uso das linguas rexionais ou minoritarias na marco das actividades económicas ou sociais .

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, lembra que “a obriga de respectar os dereitos lingüísticos da cidadanía galega non incumbe só ás administracións públicas, tamén as empresas privadas que prestan os seus servizos en Galiza deben respectar o dereito dos galegos e galegas a expresármonos na nosa lingua”.

Maceira apuntou que “é unha falta de respecto non só para os empregados e empregadas desta empresa, senón tamén para o conxunto da cidadanía galega, que unha empresa que quere xestionar un servizo en Galiza, discrimine a quen usa o galego”.

Finalmente constátase a necesidade de que se aprobe unha lei como a presentada pola Mesa coa ILP Sentido Común que eviten de vez todos estes casos de discriminación, presións e conculcacións de dereitos lingüísticos.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra