A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa aplaude que se lle dedique unha rúa ao R.C. Deportivo mais demanda que o topónimo da cidade sexa o único oficial

O grupo coruñés da asociación cidadá en defensa do galego dirixirase á Federación de Peñas para que na súa negociación co Concello da Coruña apoie que se respecte a legalidade.

A entidade defende que se manteña no rueiro a denominación Avenida de Oza, inicialmente prevista para substituír a denominación de Xeneral Sanxurxo, contraria á Lei de Memoria Histórica.

Perante a noticia, coñecida nos últimos días a través dalgúns medios de comunicación, de que a Federación de Peñas do R.C. Deportivo e o Concello negocian estes días para que ao fin o clube teña un lugar no rueiro da cidade, o grupo local da Mesa da Coruña amosa publicamente o seu apoio a tal iniciativa, ben como os parabéns a toda a afección deportivista, moi especialmente á Federación de Peñas, por un logro tan longamente demandado. 

 

Segundo os datos coñecidos, perante a posibilidade de a rúa escollida para pasar a levar o nome do Deportivo ser a actual Avenida do Xeneral Sanxurxo, A Mesa lembra que a denominación inicialmente aprobada para substituír á do militar golpista en virtude da aplicación da Lei de Memoria Histórica foi a de Avenida de Oza. “Unha escolla afortunada”, a xuízo do grupo local da Mesa, “por canto apostaba pola recuperación dun nome tradicional desta zona da cidade e pola restauración da memoria do antigo Concello de Oza, anexado polo da Coruña en 1912 e do cal precisamente facían parte a maioría das terras que abranxe a actual avenida”.

 

Xa que logo, entende o grupo local do colectivo en defensa da lingua, a denominación xa fixada “debe ser mantida para unha vía da mesma zona, se non for para a actual Xeneral Sanxurxo”. Neste sentido, A Mesa suxire que se estude a posibilidade da actualmente denominada Avenida dos Caídos, por levar un nome inequivocamente asociado á linguaxe simbólica da ditadura franquista.

 

O grupo de traballo da Mesa na Coruña amosa tamén a súa “preocupación” polo feito de o publicado até o momento apuntar na dirección de que a denominación completa da vía a lle dedicar á institución deportivista habería de ser a de Avenida del Real Club Deportivo de La Coruña por ser esta a denominación oficial do clube. Neste sentido, A Mesa vaise dirixir á Federación de Peñas, impulsora da iniciativa cidadá para lle dedicar unha rúa ao Dépor, para que na súa negociación co Concello “aposte con claridade” por que na denominación da rúa figure o único topónimo xenuíno e oficial da cidade: A Coruña.

 

A entidade cidadá en defensa da lingua confía en obter “boa receptividade” na Federación de Peñas a esta proposta, por canto esta xa ten na súa denominación formal o nome da cidade co topónimo oficial, malia non ser aínda o caso do R.C. Deportivo, que a pesar da demanda dunha parte crecente da afección aínda non foi quen de dar os pasos legais necesarios para mudar a súa denominación legal e segue a ser “de *La Coruña”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra