A Mesa de Bergantiños denuncia a falta de compromiso do Concello da Laracha o Día das Letras Galegas

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia a falta de compromiso do goberno do concello da Laracha no Día das Letras Galegas onde os actos se limitaron unicamente a unha obra de teatro. Non se programou ningún acto referente á lingua galega nin tampouco á figura do homenaxeado este ano: Valentín Paz Andrade.

A falta de conciencia lingüística por parte do goberno da Laracha, non é nada novo; en 2008 xa chegou a celebrar o Día das Letras Galegas cunha obra de teatro en castelán.
O programa para estas datas, “Letras Galegas e Santo Isidro”, concede unha maior relevancia á figura do patrón de Madrid, o Santo Isidro, que aos escritores e escritoras que demostraron un firme compromiso coa nosa lingua e coa nosa cultura a quen cada 17 de maio lembramos nunha homenaxe que o Concello da Laracha lle nega.

Traballar para concienciar e dignificar o uso do galego, e difundir as obras e o pensamento dos nosos ilustres galegos son tarefas pendentes no concello da Laracha. Tratar de ocultar o Día das Letras Galegas con actos que nada teñen que ver co verdadeiro significado do 17 de Maio é unha falta de respecto á nosa lingua, á nosa cultura e á nosa identidade.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra