A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa de Bergantiños denuncia o uso do galego deturpado na sinalización instalada recentemente no concello da Laracha e exixe a súa corrección

“Mirador” ou “Centro urbán” son algúns dos casos que denuncia a asociación

A Laracha, 14 de novembro. O responsábel da sección da Mesa pola Normalización Lingüística en Bergantiños, Xosé Cotelo, vén de entregar un escrito no Rexistro do concello da Laracha solicitando a modificación dos rótulos que deturpan a nosa lingua propia substituíndo o termo en galego “Miradoiro” polo seu homólogo en castelán “Mirador”. Tamén en Caión se fixo un uso incorrecto do galego empregando “Centro urbán”, en troca de “Centro urbano”.

 

Para a sección comarcal da Mesa en Bergantiños “este é un exemplo máis de desleixo por parte do goberno local á hora do uso do galego que trata o galego como lingua vulgar e de segunda categoría” e exixe ao goberno do concello larachés “un maior compromiso coa nosa lingua propia”.

 

Xosé Cotelo “lamenta que o goberno local continúe aumentando o seu curriculum en casos de maltrato á nosa lingua propia” e amosou a preocupación da Mesa de Bergantiños “por estas actitudes de desleixo que trasladan á sociedade un modelo de lingua deturpado e desnaturalizado” e exixe ao concello “unha maior implicación e mellor uso do galego”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra