A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa demanda que a nova sinaléctica da Praza de España se aproveite para normalizar o galego

A Mesa propón que a lingua propia apareza claramente destacada

A Mesa pola Normalización Lingüística aproveita o período de suxestións aberto na fase de finalización do parque da Praza de España para lle demandar ao concello de Ferrol que os elementos informativos que se coloquen, así como os rótulos e sinalización da praza e da rede viaria, sirvan para potenciar o galego.

Así mesmo A Mesa, como meirande asociación cultural galega e cunha importante actividade na nosa comarca, propón ao concello de Ferrol que aproveite este espazo como punto de información xeral sobre o conxunto do centro histórico, instalando elementos informativos nos que o galego apareza claramente destacado. Non hai que esquecer que o galego é o noso máximo ben patrimonial, e como tal é un atractivo turístico máis dentro do rico patrimonio cultural da cidade, polo que cómpre visibilizalo.

O necesario proceso de normalización do galego precisa de iniciativas que amosen a veracidade do discurso que adoitan trasladar as institucións. Carlos Outeiro, responsábel da Mesa na nosa comarca e Vicepresidente da Mesa, expón “se hai interese en potenciar o galego como elemento parello á nosa cultura e ambos como elementos de cohesión social e fonte de recursos económicos non podemos desaproveitar esta oportunidade de resaltar a nosa lingua propia, o galego”

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra