Noticias da Mesa Santiago

A Mesa denuncia a exclusión do galego en materiais informativos sobre a Semana Santa editados polo Concello de Santiago

Para a asociación, trátase dun novo capítulo no proceso de “exclaustración” da lingua propia dos espazos públicos decretado polo goberno municipal de Xerardo Conde Roa

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia un novo caso de exclusión da lingua galega da vida pública por parte do Concello da capital de Galiza.

Trátase, neste caso, do folleto editado polo consistorio con motivo da Semana Santa compostelá, en que se informa das diferentes procesións e celebracións relixiosas que estes días están a ter lugar na cidade, organizadas pola Xunta de Confrarías.

Editado o contido nun aparente formato bilingüe galego-castelán, o goberno local de Xerardo Conde Roa “esquece” reservar para o galego espazos tan importante como a portada do programa, en que só se pode ler “Semana Santa compostelana 2012″, así como nos prólogos do Arcebispo Xulián Barrio, do propio alcalde da cidade e mais do presidente da Xunta de Confrarías, escritos integramente en castelán.

O aparente “equilibrio” bilingüe nos horarios e percorridos das diferentes procesións relixiosas desaparece, porén, axiña, con erros lingüísticos nas partes escritas en galego (páxina 21: “Este cronograma procurará respetarse…) e extremos, nunca antes vistos na actual etapa democrática, de apareceren deturpados os nomes dalgunhas rúas (*Rúa Traviesa, *C/Castro; *Campillo de San Francisco).

Para A Mesa, este novo caso de exclusión da nosa lingua é “un paso máis” na política de “erradicación do galego” e de “ataques á nosa cultura” que está a caracterizar o mandato do “histriónico” alcalde compostelán, tal e como leva denunciado a asociación cidadá en defensa do idioma desde que Conde Roa tomou posesión do seu cargo.

A maior asociación cultural de Galiza pídelle, unha vez máis, ao rexedor da capital de Galiza que estea “á altura do cargo que ocupa” e da “institución que representa”, historicamente caracterizada pola defensa do galego “xa desde tempos do alcalde Ánxel Casal”, fusilado logo do golpe de estado de 1936.

A Mesa considera “inadmisíbel” que o Concello de Santiago “malgaste” os diñeiros públicos en editar materiais informativos que nin tan sequera teñen en conta a lingua propia de Galiza ou nos cales esta é “infrautilizada”.

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis