Noticias da Mesa Santiago

A Mesa denuncia que a delegación da Axencia Tributaria de Santiago non presta servizo de atención telefónica en galego

Malia existir en teoría a posibilidade de escoller a lingua de atendemento, as chamadas aténdense por defecto en castelán

Unha cidadá fíxolle saber o caso á Mesa a través da Liña do Galego, o servizo que a entidade en defensa da lingua pon ao dispor de toda a cidadanía

A Mesa dirixirase formalmente á delegación territorial da Axencia Tributaria de Santiago de Compostela para que garanta atención telefónica e presencial en galego para todas as administradas e administrados que se dirixan ás oficinas deste organismo na capital galega.

A entidade cidadá vén de ter coñecemento deste feito a través dunha veciña de Santiago que se dirixiu á Liña do Galego, o servizo de información sobre dereitos lingüísticos e atendemento de queixas, consultas ou parabéns que A Mesa ten ao dispor de toda a cidadanía a través do teléfono 902 106 474 e do correo-e linhadogalego@amesanl.org.

A veciña de Santiago que puxo en coñecemento da Mesa este novo caso de discriminación, ao chamar ao teléfono de información xeral da sede da AEAT de Santiago e premer a opción correspondente para ser atendida en galego, comprobou como tal opción desaparecía na práctica, pois a persoa que a atendeu fíxoo integramente e en todo momento en castelán.

A Mesa constata a través doutras moitas denuncias que recibe e tramita que a deficiencia acontecida coa delegación compostelá da Axencia Tributaria “non é exclusiva desta administración, senón unha constante” en diferentes institucións e organismos públicos de diferentes titularidades competenciais, incluindo concellos, deputacións ou órganos da propia administración autonómica, así como diversas empresas prestadoras de servizos.

No caso da Administración, a asociación en defensa do galego recorda que o artigo 6.1 da Lei de Normalización Lingüística e o artigo 54.11 do Estatuto do empregado público garanten “con suficiente clareza” que os cidadáns e as cidadás teñen dereito ao uso do galego, oralmente e por escrito, nas súas relacións con calquera órgano da Administración Pública con sede territorial en Galiza, o que supón “o deber correlativo” de as administracións facilitaren e promoveren ese uso, tal e como sinala no artigo 2.g da Lei 4/2006 de Transparencia e Boas Prácticas na Comunidade Autónoma.

“De nós depende, individual e colectivamente, que a nosa lingua exista, como organismo vivo e útil, en todos os ámbitos da vida diaria. Non deixemos que metan o galego debaixo da alfombra e actuemos”, conclúe a entidade.

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis