Noticias da Mesa Santiago

A Mesa e o Concello de Santiago recuperan a normalidade nas relacións intitucionais

Marcos Maceira: “temos o compromiso de que a capital de Galiza fará honra á súa condición e retomará as accións a favor da lingua propia abandonadas nos últimos anos”

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2015-.  O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e o Alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, mantiveron hoxe un encontro onde se retomou, despois de catro anos, a relación entre o concello compostelán e a entidade en defensa da lingua no que, segundo sinalou o alcalde “foi unha primeira toma de contacto para comezar a normalizar o que xa de por si debería estar normalizado, como é unha relación fluída entre a capital do país e unha institución como a Mesa que leva anos batallando pola normalización do idioma”.

Este encontro prodúcese dentro da rolda de contactos que A Mesa está a establecer cos diferentes concellos para impulsar accións concretas a favor do galego, e “conseguir que as institucións municipais ocupen o espazo a favor do idioma que a actual Xunta está deixando baleiro”, segundo sinalou Marcos Maceira.

Neste sentido, Maceira e Noriega falaron a respecto da necesidade de que a capital de Galiza voltase á referencialidade perdida na normalización da lingua galega e a recuperar a iniciativa retomando actitudes favorábeis á lingua  no conxunto da acción municipal, nomeadamente coa reactivación do Plan Municipal de Normalización Lingüística con cuxo desenvolvemento se comprometeu o alcalde xunto coa proposta de Compromiso de aplicación do Plan xeral de normalización da lingua galega nos Concellos e Deputacións impulsada pola Mesa.

O presidente da Mesa resaltou a vontade manifestada polorexedor compostelán de que a capital de Galiza fará honra á súa condición situándose tamén á cabeza da defensa, promoción e impulso do idioma.

Martiño Noriega reiterou a súa disposición a colaborar coa Mesa pola Normalización Lingüística e atender as súas propostas, así como  “a ser facilitadores do que debe ser algo normalizado como a defensa do noso idioma”. Do mesmo xeito, recoñeceu o labor de fiscalización que a Mesa pode realizar respecto a eses compromisos.

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis