Ferrol Noticias da Mesa

A Mesa insta ao concello de Ferrol a redobrar os esforzos para a aplicación da ordenanza municipal de normalización

A entidade social en defensa da lingua galega lembra que aínda fica moito por facer apra que o galego sexa realmente lingua oficial en Ferrol

Marcos Maceira: “propostas baseadas en falsidades e prexuízos contra Galiza e o galego, como a do grupo municipal de Ciudadanos para reducir aínda máis a presenza do galego só merecen rexeitamento absoluto”

Ferrol, 28 de outubro de 2015-. A Mesa pola Normalización Lingüística remitíu hoxe un escrito dirixido a todos os grupos municipais do concello de Ferrol, e nomeadamente ao grupo de goberno, instándoos a potenciar a aplicación e cumprimento da Ordenanza municipal de Normalización Lingüística de Ferrol, xunto coa toda a lexislación que ampara a oficialidade da lingua galega, especialmente a 5/1988 sobre o uso do galego como lingua oficial de Galiza polas administracións locais, e outras disposicións legais tamén citadas na Declaración de Unidade a prol da Normalización da Lingua galega asinada por máis de 12 organización políticas e á que se adheriu o Concello de Ferrol no Pleno do 30 de xullo.

Segundo indicou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “todos os estudos realizados indican a gravidade da situación da lingua galega no concello de Ferrol, reflexo dunha realidade na que mesmo a posibilidade de uso e de facer unha vida normal en galego está moi limitada, tamén na administración local”. Para a Mesa, “esta é a situación que hai que reverter para garantir que a lingua galega sexa realmente oficial a todos os efectos, non só sobre o papel, e por tanto audíbel e visíbel en todo canto dependa do concello ferrolán”.

Desde A Mesa de Ferrol, o seu responsábel Carlos Outeiro, lamentou “que aínda existan grupos empeñados en negar a realidade e en axitar vellos e novos prexuízos falsos contra a lingua galega, e máis cando a posibilidade de optar polo galego está gravemente limitada cando non desaparecida”. “O odio á lingua a través da difusión de falsidades é unha mostra do profundo desprezo por Ferrol e a todo canto a identifica con Galiza, da que Ferrol é unha das súas cidades máis destacadas”, sinalou Outeiro, quen ademais reiterou a necesidade de reunir o Consello Municipal de Normalización pra posibilitar a implicación social no proceso de normalización lingüística que Ferrol debe reiniciar.

Da Mesa remitiron ademais a todos os grupos unha serie de propostas para o impluso e aplicación efectiva da ordenanza. Estas medidas están baseadas nas xa recollidas pola propia ordenanza e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galiza.

 

Carta enviada pola Mesa aos grupos concello Ferrol

 

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis