Aberto o prazo para inscribirse nas xornadas “As Irmandades da Fala en Compostela” organizadas pola Agrupación Cultural O Galo coa colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística

Inscricións e programa en http://irmandadesdafala.wordpress.com

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2016.- A Agrupación Cultural O Galo organiza as xornadas “As Irmandades da Fala en Compostela”, que se desenvolverán en outubro e novembro na Facultade de Filosofía, “e achegarán luz a esta etapa florecente para Galiza, onde Santiago de Compostela foi unha verdadeira capital cultural e de coñecemento”, en palabras de Isabel Kerdudo, coordinadora.

Segundo explicou Marcos Maceira, director das xornadas e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, no centenario das Irmandades da Fala “é importante dar a coñecer que en Compostela residiron e desenvolveron un labor significativo boa parte dos seus membros”. Así, ás Irmandades da Fala de Compostela pertenceron os máis importantes artistas das décadas de 1920-30, o iniciador da industria editorial en Galiza, como foi Ánxel Casal, profesorado da USC que logo formou varias xeracións destacadas no ámbito sindical e político.

“De feito, na Irmandade santiaguesa consegue notabilidade a súa sección feminina, da que fixeron parte, entre outras mulleres, María Miramontes e Olimpia Valencia”, sinalou Maceiras. Como curiosidade, dixo, as Irmandades da Fala ergueron a propia cidade do Apóstolo como símbolo de Galiza e aparece en moitas das súas creacións.

Isabelle Kerdudo indicou na rolda de prensa de presentación que “todo isto conforma un prisma co ideario común de divulgar o legado das Irmandades da Fala, en todas as vertentes, para contribuír a crear conciencia nacional e construír un país: Galiza”.

 

Detalles organizativos

Estas xornadas desenvolveranse o 13, 14 e 22 de outubro e o 21, 22, 24 e 25 de novembro na Facultade de Filosofía, na praza de Mazarelos de Santiago de Compostela. Están patrocinadas pola Deputación da Coruña e contan coa colaboración da Universidade de Santiago, da Mesa pola Normalización Lingüística e da plataforma estudantil Erguer.

As xornadas son de balde e para conseguir o certificado de asistencia cómpre ir ao 80% das sesións e rexistrarse previamente na web irmandadesdafala.wordpress.com onde se pode descargar o programa e máis información do evento, que se actualizará cada semana.

Entre os temas que se tratarán en cada sesión, daranse a coñecer as investigacións realizadas sobre o ideario das Irmandades da Fala; a vinculación política, agrarista e sindical; a prensa, a poesía, o teatro, a estética dos artistas como Camilo Díaz e Francisco Asorey; o feminismo; a vinculación con Dieste, Castelao e Otero Pedrayo; o papel da editorial Nós…

Será, pois, un compendio de temas para adentrarse na pegada que deixaron as Irmandades da Fala en Compostela por parte de especialistas en cada tema como Emilio Xosé Insua, Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, Laura Tato, Xusto Beramendi, Rosa Aneiros, Encarna Otero, Teresa López Fernández e Miguel Anxo Seixas, entre outras persoas.

Cómpre destacar tamén que o sábado 22 de outubro haberá un roteiro guiado polos lugares onde moraron ou desenvolveron o seu labor os membros das Irmandades da Fala.

A Agrupación Cultural O Galo, que foi fundada en 1961 por un nutrido grupo de intelectuais e artistas con compromiso cultural e político, ten entre os seus obxectivos fomentar a creación cultural galega, divulgar a historia e pór en debate os asuntos máis destacados que nos afectan como pobo.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra