Adega apoia a ILP Sentido Común con 600 sinaturas

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) fixo entrega de 600 sinaturas a prol da ILP Sentido Común que promove a Mesa pola Normalización Lingüística. O acto de entrega decorreu durante a celebración da XI Feira na Eira.

No marco desta celebración o vicesecretario xeral Pepe Salvadores e a expresidenta de Adega Adela Figueiroa entregáronlle ao presidente da Mesa Marcos Maceira 600 sinaturas en apoio á Iniciativa Lexislativa Popular Sentido Común que promove a Mesa para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico.

Segundo Maceira, esta ILP pretende facer efectivo o dereito básico a empregarmos o galego sempre e con normalidade, xa que a día de hoxe non está garantido o seu uso ao non existir a máis mínima opción no noso idioma por parte de empresas e servizos.

Desde a Mesa preténdese impulsar un desenvolvemento legal que fixe o contido mínimo dos dereitos lingüísticos nas relacións comerciais, xa que a súa inexistencia, malia ser o galego unha lingua cooficial en Galiza, provoca continuamente situacións de vulnerabilidade, indefensión, denegación da atención e na prestación dos servizos.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra