As Pontes Noticias da Mesa

AS PONTES:- Convocada a 5ª edición do certame “As Boliqueiras”

A novidade deste ano é que se poderán presentar traballos en formatos audiovisuais

O tema dos traballos será a figura e a obra de Álvaro Cunqueiro

O prazo máximo para a entrega dos traballos finalizará o 16 de abril. Os premios entregaranse no transcurso dun acto que se celebrará o día 27 de abril.

O grupo local da Mesa das Pontes de García Rodríguez vén de convocar unha nova edición, que fai xa a 5ª, do certame de relato escolar en galego As Boliqueiras, para o que conta coa colaboración dos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros de ensino da vila e coa Concellaría de Cultura do Concello das Pontes. Desde o ano pasado conta, ademais, coa colaboración económica de ENDESA.

O tema para os traballos que quixeren concorrer á edición das Boliqueiras deste ano será a figura e obra de Álvaro Cunqueiro, de quen o ano pasado se vén de conmemorar o centenario do seu nacemento. Como sempre, o certame estará subdividido en diferentes categorías, segundo as idades e cursos das e dos participantes: Educación Infantil (dúas subcategorías), Primaria (tres subcategorías) e Secundaria (dúas categorías diferenciadas). Haberá ademais un Premio Especial Endesa, ao que poderá concorrer libremente calquera persoa interesada, dotado cunha cantidade de 500 €.

A novidade da edición das Boliqueiras deste ano será a introdución de traballos en formatos de audio e audiovisual, que serán voluntarios para as categorías de Infantil e Primaria e obrigatorios para as dúas categorías de Secundaria (de audio no caso dos traballos presentados nos cursos de 1º e 2º ciclo da ESO e audiovisuais no resto dos cursos da ESO, Bacharelatos e Ciclos Formativos). Para o premio especial poderán ser presentados traballos en papel, coa condición de non superaren en ningún caso as 10 follas, ou en formatos audiovisuais.

A presentación dos traballos terá como data límite o 16 de abril: estes deberanse presentar ou ben na Biblioteca municipal das Pontes (Avda de Castelao, s/n) -en sobre fechado os traballos escritos e en DVD os formatos en audio e audiovisuais, dentro dun sobre fechado seguindo o mesmo procedemento que para os traballos escritos -ou ben en formato electrónico ao enderezo boliqueiras@gmail.com antes das 0 horas do mesmo 16 de abril.

A entrega de premios, dotados economicamente con cantidades que irán desde os 20 € até os 150 € para as categorías de Secundaria, terá lugar no transcurso do acto público que se desenvolverá no Auditorio municipal Alovi das Pontes o 27 de abril ás 19 horas. O xurado estará composto, como nas anteriores edicións, por un/ha representante da Mesa, un/ha representante do Concello das Pontes, un/ha representante de cada un dos ENDL dos centros de ensino da vila e un/ha representante de cada escola infantil.

FE DE ERROS nas Bases: Canto aos traballos a presentar na primeira das categorías de Secundaria, onde di 1º e 2º da ESO debe indicar 1º e 2º ciclo da ESO (o que inclúe tamén nesta categoría os cursos de 3º e 4º).

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis