CORRELINGUA.- Galego, todo o que buscas: bota a andar o Correlingua 2012!

As festas finais do Correlingua, que terán lugar durante a primeira metade do mes de maio, están precedidas de distintas iniciativas lúdico-educativas para traballar na aula

O prazo previo de inscrición nos diferentes concursos remata o vindeiro 1 de febreiro

Todo está preparado xa para unha nova edición do Correlingua, organizado un ano máis conxuntamente pola Mesa, a CIG-Ensino e a AS-PG, desta volta só o lema Galego, todo o que buscas!

Como nas edicións anteriores, as festas finais que se celebrarán durante a primeira quincena do mes de maio en vilas e cidades de toda Galiza virán precedidas de toda unha serie de actividades lúdico-educativas que procuran traballar o Correlingua na aula, favorecendo a implicación activa de todo o alumnado xa desde o primeiro momento.

Como en anos anteriores, póñense en andamento os concursos para a elaboración do manifesto do Correlingua 2012, ao que se dará lectura en todas as festas finais, e o de banda deseñada, especificamente dirixido ao alumnado de Educación Infantil e Primaria. Tamén terá continuidade o concurso de vídeos iniciado na edición do ano pasado.

As actividades na aula complementaranse cunha nova edición do Cantalingua, o concurso do que sairán os grupos ou solistas favoritos para actuaren nas festas finais do mes de maio; os gañadores sairán, neste caso, dunha votación mixta entre o alumnado participante e un xurado.

Aínda na parte musical, na edición deste ano achegarase a todas as carreiras que se desenvolvan no país o Galeoke, o videoxogo que nos permite divertírmonos intepretando, ao xeito de cada quen, algúns dos temas máis coñecidos da música galega dos últimos anos.

Un ano máis desenvolvemos a actividade escolar máis numerosa de cantas se celebran en Galiza, por alumnado e número de centros educativos implicados, sen apoio institucional ningún por parte da Xunta de Galiza. Nada novo, tendo en conta cal é a política lingüística do actual goberno galego. O Correlingua, porén, continúa e continuará adiante, grazas á colaboración dalgúns concellos e deputacións, mais sobre todo grazas ao esforzo, compromiso e apoio de todas as comunidades educativas que cada ano participades na iniciativa, ben como o dos novos centros que vos ides sumando para que cada edición sexa mellor que a anterior.

Un ano máis, as entidades organizadoras dámosvos as grazas por estardes aí.

O prazo para a inscrición previa nos diferentes concursos do Correlingua remata o vindeiro 1 de febreiro. Podédesvos inscribir directamente a través de www.correlingua.org, onde atoparedes a información máis ampliada.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra