Madrid Noticias da Mesa

MADRID.- A Mesa acusa a Casa de Galiza en Madrid de manter ‘actitudes franquistas’, pola ‘censura e o desprezo ao galego’

A delegación da Xunta na capital do Estado leva catro meses prohibindo un acto do presidente da Mesa: “Até que o Delegado da Xunta non lea o libro, non daremos a autorización”

O persoal da Delegación da Xunta en Madrid négase a atender en galego mesmo a quen llo solicita, polo que A Mesa anima a chamar ao91 595 42 00 para reclamar que cumpran coa lei

O presidente da Mesa presenta no Centro Galego de Carretas o seu libro En castellano no hay problema, despois de catro meses de censura por parte da Casa de Galiza en Madrid

Despois de xusto catro meses de xestións, a Casa de Galiza de Madrid, que é a delegación da Xunta na capital do Estado, segue totalmente pechada á posibilidade de acoller un acto do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón. A primeira solicitude para presentar alí o libro En castellano no hay problema cando comezaba marzo de 2011. 

As primeiras negativas realizáronse esgrimindo razóns burocráticas: que a solicitude debería realizala a editorial (neste caso, Xerais) e enviar previamente un exemplar para daren a súa autorización. Unha vez feito ese trámite, a porta permaneceu pechada. 

O 18 de maio de 2011, o presidente da Mesa, Carlos Callón, púxose en contacto telefónico coa Casa de Galiza para preguntar “se algún día, calquera nos próximos meses, habería algunha data libre para presentar este libro”. Do outro lado da liña respóndelle Ramón Jiménez, quen lle transmite que “non darán a súa conformidade até que o delegado da Xunta e director da Casa de Galiza en Madrid –José Ramón Ónega– lea o libro”. Como o presidente da Mesa lle sinalou que esa era unha “abraiante declaración de censura previa, propia do franquismo”, desde a outro lado da liña quixeron matizar dicindo que non tiñan “ningunha data dispoñíbel”. Máis rechamante era esa declaración cando na programación pública da Delegación se pode ver que iso non é así: http://casadegalicia.xunta.es/web/galego/programacion 

Nas semanas seguintes houbo máis tentativas para realizar o evento no centro público de Galiza en Madrid, mais desde este continuaron a pechar en banda a posibilidade. “O presidente da Xunta debe dar explicacións desta actuación censorial. Por favor, non convertan a delegación da Xunta en Madrid na delegación sectaria do PP!”, protestan desde A Mesa.

Finalmente, catro meses despois, o libro En castellano no hay problema presentouse na capital do Estado, porén nun espazo privado, o do Centro Galego (Carretas, 14-3º andar). Foi o pasado 5 de xullo, coa presenza do deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera.

Ademais da actitude “censorial”, a maior asociación cultural de Galiza lamenta que “o persoal da Xunta para a atención ao público nesta delegación é incapaz de falar en galego”. “No mellor dos casos, fanche esperar se solicitas atención no idioma propio, tal e como sinala a lei; porén, o máis habitual é que che respondan que non teñen por que saber galego e que se neguen a utilizalo, aínda que recoñezan a súa condición de persoal público”. Por iso, a entidade anima a chamar ao teléfono da delegación (o 91 595 42 00) e solicitar a atención en galego, tal e como nos recoñece a lexislación vixente, con máis razón no caso da Administración autonómica.

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis