A Mesa pola Normalización Lingüística

MEDIOS DE COMUNICACIÓN.- A Mesa desexa os mellores éxitos aos novos medios en galego que están a aparecer

Praza Pública estréase hoxe na rede como diario dixital en praza.com

A asociación chama a facer “un consumo responsábel” apoiando os medios que usan e apoian o galego

A Mesa  expresa o seu apoio incondicional aos novos proxectos mediáticos galegos e en galego que están a aparecer e mais aos próximos a surxir nos vindeiros meses.

A maior asociación cultural de Galiza parabenízase pola estrea do medio dixital Praza Pública, que comeza precisamente no día de hoxe a súa andaina como diario na rede a través do sitio: http://praza.com.  

A Mesa considera unha moi boa noticia que, ademais do recén estreado medio dixital, outros proxectos como Sermos Galiza ou Dioivo estean tamén a traballar para se sumaren moi proximamente á (re)construción dun espazo comunicativo galego que teña a nosa lingua propia como vehículo normal de expresión e que, sen ningunha dúbida, contribuirán para un maior pluralismo e unha mellor difusión de información sobre todo tipo de iniciativas ou noticias que hoxe non están a ter cabida na maioría de medios convencionais.

O colectivo desexa que estas novas iniciativas signifiquen un novo pulo que supere de vez a constante enxurrada de feches de medios en galego que se produciron en Galiza nos últimos tempos. A Mesa valora moi positivamente que a lóxica indignación e  preocupación que tal situación causou en amplos sectores da sociedade galega fose axiña tornada en acumulación de ideas e enerxías para pór en andamento novos proxectos.

A entidade cidadá en defensa da lingua chama agora polo conxunto da sociedade para non soamente “parabenizar e parabenizarse” pola aparición de novos medios en galego, senón tamén para facer unha aposta por un “consumo responsábel” que inclúa apoiar aqueles medios que apoian a lingua propia de Galiza.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra