A Mesa denunciará perante o Consello de Europa a grave vulneración da Carta Europea das Linguas por parte do Ministerio de Industria nos casos de Santiago, Teo e Santa Comba

A entidade en defensa da lingua exixe a demisión dos fanáticos que dirixen o IADE e o posicionamento claro e rotundo do Presidente Feixó

 Marcos Maceira: “O presidente da Xunta ten que saír a defender a dignidade colectiva do pobo galego e o dereito a usar o galego, tamén na administración municipal”

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2016-. O Instituto para la Diversificación y el Ahorro de Energía (IDAE) dependente do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, negou unha axuda aos Concellos de Teo, Santiago de Compostela e Santa Comba para un proxecto de alumeado público. O argumento para a negativa da subvención pública foi un dos múltiples documentos da solicitude estar escrito en lingua galego. Tratábase do informe do departamento municipal de Intervención no que se confirmaba que estes concellos reunían as condicións financeiras necesarias para participar na convocatoria do IDAE. O odio ao galego e á diversidade lingüística dos responsábeis do organismo público foi tal que nin sequera permitiron a posibilidade de enviar tradución.

“O director xeral do IDAE, Arturo Fernández Rodríguez, e o seu presidente, Alberto Nadal Belda, – nomeados polo exministro José Manuel Soria, cesado por posuír contas en paraísos fiscais-, deben demitir porque non se pode admitir que fanáticos que priorizan o seu odio ao interese común da cidadanía manexen nin un só céntimo de diñeiro público”, sinalou o presidente da Mesa

A Mesa alertou sobre a discriminación gravísima por razón de lingua que vai sufrir a cidadanía de Santiago, Teo e Santa Comba, e reclamou a intervención do Presidente da Xunta para repor a dignidade colectiva das galegas e galegos. “O máximo representante de Galiza débese posicionar ao lado de Galiza e da súa lingua. A tolerancia co integrismo galegófobo sae cara, e neste caso vano pagar as veciñas e veciños de Santiago, Santa Comba e Teo.

Pola súa parte, A Mesa, cuxo presidente xa se puxo en contacto cos alcaldes de Santiago e Teo para lles manifestar todo o seu apoio, denunciará o acontecido perante o Consello de Europa, xa que, segundo indicou Maceira, a actitude do Ministerio de Industria, ademais dunha mostra de racismo lingüístico, vulnera o contemplado na Carta Europea das Linguas, que no seu artigo 10 sinala o compromiso (adquirido polo Estado español) de: “a) garantir que as autoridades administrativas empreguen as linguas rexionais ou minorizadas e c) permitir ás autoridades administrativas redactar documentos nunha lingua rexional ou minorizada”

Maceira sinalou que este non é un caso illado e lembrou como recentemente a Mesa gañou un recurso contra a Axencia Tributaria que multou á entidade en defensa da lingua por pedir as notificacións en galego. Indicou tamén que, segundo sinalou A Mesa no informe da Liña do Galego de 2015, o 27% das queixas presentadas por vulneración dos dereitos lingüísticos estaban relacionadas coa Administración Xeral do Estado.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra