Noticias da Mesa

A Mesa lamenta as críticas do PSdG e PP polo uso do galego no Ribadeo Indiano

 

Ribadeo, 21 de xullo de 2017-. A Mesa pola Normalización Lingüística remitiu hoxe un escrito dirixido a todos os grupos municipais do Concello de Ribadeo instándoos a potenciar a aplicación e cumprimento da Ordenanza municipal de Normalización Lingüística de Ribadeo, xunto coa lexislación que ampara a oficialidade da lingua galega, especialmente a 5/1988 sobre o uso do galego como lingua oficial de Galiza polas administracións locais, e outras disposicións legais  como a Lei de normalización lingüística, a Carta Europea das Linguas, a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, ou acordos como o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

 

A Mesa pola Normalización Lingüística considera que o Concello de Ribadeo ao empregar o galego diante do embaixador de Arxentina no Ribadeo Indiano fixo un uso da nosa lingua de plena normalidade. Desde a Mesa lamentan as críticas do PSdG-PSOE e PP do Concello de Ribadeo e solicita que non continúen con ataques á nosa lingua. Desde a Mesa lembran que tanto o PsdG-PSOE como o PP, asinaron en xullo de 2015 a Declaración de Unidade a prol da Normalización da Lingua Galega. As liñas principais do documento eran “o recoñecemento da lingua galega como grande obra colectiva do pobo galego e garantía de futuro e de existencia digna e próspera. Recoñécese o preocupante retroceso social da lingua nos últimos anos e a necesidade de abrir unha nova etapa de normalidade, coa implicación de todos os sectores”.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira afirma “que aínda existan grupos empeñados  en axitar vellos e novos prexuízos falsos contra a lingua galega empregando argumentos sobre a suposta marxinación do castelán que o único que pretenden é que o galego volte á alegalidade e á exclusión da vida pública”. Lembran que a Ordenanza do uso do galego do Concello de Ribadeo, aprobada en 2004, establece no artigo 1 que: “O galego, como lingua propia de Galiza, é a lingua oficial do Concello de Ribadeo”.

 

 

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis