A Mesa pola Normalización Lingüística presenta a curta S.C. Atréveste a vivir a experiencia? O Black Mirror á galega

A curta pretende impulsar a ILP polos dereitos lingüísticos na economía

A campaña Cárgate de sentido común dá un paso máis e presenta unha curta onde se mostra a problemática do uso do galego na sociedade actual

Dentro da campaña para impulsar a Iniciativa Lexislativa Popular para  a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico, A Mesa deu a coñecer unha curta onde se deixa ver a problemática dos galegofalantes no seu día a día.

Na presentación interviron o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, a secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, Mónica Pazos, o representante de Desoños, Carlos Álvarez, o guionista da curtametraxe, David Rodríguez e o representante da produtora Deica Audiovisual Paulo.

No contexto  da campaña Sentido Común, creada para conseguir   sinaturas pola garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico, creouse SC, entendéndoa como unha forma de dirixirse ao público e mostrar unha realidade ás veces oculta.

SC presentouse como unha suposta webserie, unha ferramenta visual, atractiva e que xoga en certa maneira coas novas tendencias (está inspirada nun capítulo da serie Black Mirror) para conseguir viralizar a campaña. Nesta curta móstrase como ficción unha situación complexa para os galegofalantes e como  o día a día vai demostrando que é totalmente real.

Ao longo de todo o capítulo faise referencia visual ás siglas SC, das cales se descubre o seu significado ao final: Sentido Común, lingándoo desta maneira á infografía que aparece xusto despois e coa que se lle desvela aos espectadores que realmente se trata dunha campaña e que é o que se quere conseguir coa mesma.

Segundo o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “o obxectivo da campaña é conseguir as sinaturas mais sobre todo dar a coñecer a situación da lingua galega e reivindicar o dereito real de uso, moi limitado en todos os ámbitos, tamén no socioeconómico. Por iso entre outros medios máis clásicos como as mesas de recollida, os folletos ou vídeos explicativos, decidimos recorrer a outros formatos que permiten a reflexión mais demorada”.

“O obxectivo desta curtametraxe é achegármonos e xerar debate “que a xente se pare a facerse preguntas e se cuestione unha realidade que ás veces pode chegar a parecernos ficción. Pórse no lugar da protagonista e cuestionarse se realmente é esa a posición que cren que lle corresponde ao galego”.

Maceira engadiu que “calquera persoa que fale galego ou comece a facelo vaise enfrontar a estas situacións impropias dun contexto democrático e dunha lingua normal. O sentido común indica que deberíamos poder expresarnos na nosa lingua, que ademais é oficial, sempre e en todo lugar, mais en Galiza no ano 2017, iso non acontece”.

“Son coaccións e chantaxes para obrigar directa ou indirectamente a non falar galego e que precisan de firmeza e dignidade para as resolver. Neste sentido, o chamado á normalización da lingua galega é tamén un chamado á dignidade colectiva do pobo galego, porque os limites e os obstáculos á lingua tamén o son para o seu pobo”,  afirmou o presidente da Mesa. Esa dignidade colectiva é a que dá futuro ao galego e permite enfrontar as situacións que se observan na curta. É a mesma que se sairá ás rúas o 17 de maio coa plataforma Queremos Galego.

A Mesa pola Normalización Lingüística está a desenvolver unha intensa campaña por todo o país para dar a coñecer a ILP para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico. Esta campaña ten data de remate o 21 de setembro.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra