A Mesa pola Normalización lingüística presenta unha ILP para facer efectivo e real o dereito a usar o galego nas relacións de consumo

Contou co respaldo de organizacións de consumidores, sindicais, e persoas destacadas do empresariado, a cultura, o dereito e universidades

A Asemblea xeral escolleu nova directiva e reelexiu Marcos Maceira como Presidente

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou hoxe no marco da súa Asemblea Xeral a Iniciativa Lexislativa Popular para a Garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico.

A iniciativa pretende garantir materialmente, na práctica, o exercicio pleno do dereito a usar o galego para os e as consumidoras e usuarias en todas as relacións, for na atención oral e escrita, for na información, e conta xa conta co apoio inicial de 120 persoas destacadas de diferentes ámbitos: empresariado, representantes sindicais, de organizacións de consumidoras, do ámbito académico, xurídico, do deporte e da cultura.

ILP a favor dos dereitos lingüísticos nas relacións comerciais

Segundo sinalou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, existen no Estado español máis de 500 disposicións legais que garanten a presenza do español. 200 delas só para o ámbito socioeconómico. Para o mesmo ámbito as galegas e galegos só teñen recoñecido o dereito a empregalo mais sen ter por que ser correspondido pola outra parte. “Queremos que o galego estexa ao mesmo nivel, que sexa unha lingua para todo e que desaparezan as prácticas de chantaxe e as situacións de discriminación nas que se obriga a persoas a deixaren de falar galego para recibir servizos ou atención, en moitos casos por empresas subcontradas pola administración”.

Só no 2016 a Mesa denunciou a través do seu servizo A Liña do Galego,  335 casos de discriminación que son só unha pequena parte das miles que se producen a cotío. Delas, a metade estaban relacionadas co ámbito socioeconómico.

A ILp pretende impulsar un desenvolvemento legal que fixe o contido mínimo dos dereitos lingüísticos nas relacións comerciais, xa que a súa inexistencia, malia ser o galego una lingua coofiacial en Galiza,  provoca continuamente situacións de vulnerabilidade, indefensión, denegación da atención e na prestación dos servizos, todo o que supón unha discriminación por razón de lingua e unha penalización ilícita que sofre a parte máis fébel da relación comercial: o consumidor e a consumidora. “Queremos que desaparezan expresións como “o me habla castellano o no le atiendo”, e que a opción de galego estexa sempre dispoñíbel tal e como acontece coa outra lingua oficial”, indicou Maceira.

Esta desregulación afecta tamén aos traballadores e ás traballadoras do ámbito da atención ao público a quen nalgúns casos se lle impón a obriga de empregaren tan só unha lingua cooficial: o castellano, ou, como se viu nalgún caso recente, padecen as consecuencias da deslocalización en servizos que, coa exclusión do galego, poden ser prestados desde lugares moi afastados de Galiza.

Mesmo as empresas que queren desenvolver en galego toda a súa actividade atopan inumerábeis trabas legais e administrativas apra o faceren coa mesma normalidade que se o fixesen en castelán ou calquera outra lingua oficial nun estado.

Campaña social

A Mesa comezará agora unha campaña para reunir miles de sinaturas en toda Galiza durante os próximos catro meses. Para o presidente da Mesa “a sociedade galega foi a que conquistou os pequenos avances que tivo o galego e é hora de avanzar máis. Por iso é necesaria a activación que propomos mediante esta ILP.

Entre os aspectos que recolle están o recoñecemento pleno do dereito á atención galego, a recibir en galego calquera información, avisos ou instrucións, de maneira oral ou escrita, calquera que sexa o formato; o dereito a dispor de contratos e formularios en galego; o respecto pola toponimia galega, única legal e oficial; e o dereito á opción de galego na teleatención. A ILP contempla ademais que as administracións públicas dean exemplo ao contrataren servizos, garantindo a capacidade de atender e entender en galego e primando na contratación quen cumpra con todo o anterior, e realizando unha ampla campaña informativa sobre o dereito a utilizar o galego.

Asemblea Xeral da Mesa

A iniciativa popular centrará a actividade da Mesa nos próximos meses e foi aprobada pola Asemblea xeral que escolleu una nova Comisión Permanente cuxa composición pasará de 7 a 9 persoas:

Presidente: Marcos Maceira Eiras (xestor cultural, Santiago)

Vicepresidenta: Elsa Quintas Alborés (Avogada, Vigo).

Secretaria Xeral: Mónica Pazos (Profesora, Foz)

Coordinador de zonas: Paulo Filgueiras Fachal ( Profesor, Miño)

Celia Armas García (Profesora, A Coruña)

Xosé María Cotelo ( técnico aeroporto, A Laracha)

Manuel Rei Romeu (Profesor, Pontedeume)

Susana Méndez García (Enfermeira, Punxín)

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra