O alcalde da Coruña móstrase receptivo ás propostas da Mesa

A Mesa reuniuse co novo alcalde da Coruña para avaliar a situación da lingua no concello e achegar propostas normalizadoras

Celia Armas: “Ficamos moi satisfeitas da sintonía amosada polo alcalde coas propostas da Mesa e confiamos en que se abra unha nova etapa para a lingua nesta cidade galegofalante”

A Coruña, 02/07/2015-. A Mesa pola Normalización Lingüística mantivo esta tarde unha reunión co novo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, para facer unha primeira avaliación da situación da lingua no concello herculino e lle trasladar algunhas propostas de medidas para avanzar na normalización do galego desde a administración local. O encontro, no que alén do alcalde participaron Celia Armas, responsábel da Mesa na Coruña, e Paulo Filgueiras, da comisión permanente da entidade en defensa do idioma, estivo marcado pola cordialidade e a sintonía entre a postura do alcalde e A Mesa en relación coa lingua.

A Mesa parabenizou o rexedor herculino pola decisión de facer depender as competencias na área de lingua directamente da alcaldía, coincidindo na necesaria transversalidade que o fomento do galego debe ter en toda a acción de goberno. Neste sentido, Ferreiro comprometeuse a reestablecer o Servizo de Normalización Lingüística do Concello e dotalo dos recursos materiais e humanos precisos para poder desenvolver o seu necesario labor.

Entre as propostas concretas achegadas pola Mesa salientan a necesidade de garantir a oferta positiva en galego en todas as actividades desenvolvidas polo concello (nomeadamente na atención ao público, o servizo do 010, as locucións do transporte público, etc.); garantir que as empresas concesionarias do concello respecten a oficialidade do galego e impulsen o seu uso, tal como recolle a lexislación vixente; respectar e restaurar as formas lexítimas da toponimia e microtoponimia do concello, correxindo as deturpación reflectidas no rueiro ou nos propios buses urbanos, etc.

Así mesmo, tanto o alcalde como A Mesa coinciron na necesidade de corrixir a exclusión do galego das escolas infantís da cidade e na urxencia de garantir opcións de escolarización en galego, cando menos naquelas que sexan municipais, para todas as nais e pais que o requiran e que na actualidade non contan con esa posibilidade.

Deste xeito, a responsábel da Mesa na Coruña, Celia Armas, valorou positivamente este primeiro encontro co alcalde da cidade: “Ficamos moi satisfeitas pola sintonía e receptividade coas propostas da Mesa amosadas polo alcalde e confiamos en que se abra unha nova etapa para a lingua nesta cidade galegofalante”.

Desde A Mesa sinalaron que malia os prexuízos existentes, un alcalde galegofalante reflicte de forma máis fiel a realidade desta cidade que a proxectada por algúns dos alcaldes precedentes, cuxa “belixerancia até o absurdo co idioma propio” non foi nunca representativa do sentir maioritario da sociedade coruñesa. Neste sentido, A Mesa lembrou que significativamente A Coruña é a cidade galega onde conta con máis asociadas e asociados.

Os representantes da Mesa pola Normalización Lingüística ofreceron toda a colaboración da maior asociación cultural de Galiza ao Concello da Coruña para construírmos entre todas e todos unha nova política lingüística, verdadeiramente favorábel ao galego, que se ocupe de normalizar o seu uso, repolo onde foi retirado, e de introducilo en todos os espazos de onde foi excluído.

A reunión con Xulio Ferreiro produciuse no marco da rolda de contactos cos alcaldes das principais cidades galegas que A Mesa comezou esta semana visitando Ferrol e Pontevedra, co obxectivo de recuperar a iniciativa a prol da lingua e abrir unha nova etapa para o galego co impulso normalizador dos concellos, proposta que está a ter moi boa acollida nestes gobernos municipais que se veñen de constituír.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra