O alcalde de Ferrol levará a proposta da Mesa para impulsar a normalización do galego no Concello ao vindeiro pleno

A Mesa reuniuse co novo alcalde de Ferrol para lle achegar propostas de accións concretas a favor do galego que se poden desenvolver desde o consistorio

Marcos Maceira: “Os concellos deben recuperar a iniciativa a prol da lingua e pórlle fin ao sexenio negro para o galego que inaugurou Feixó en 2009”

Ferrol 30/06/2015-. A Mesa pola Normalización Lingüística mantivo esta tarde unha reunión co novo alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, para lle trasladar a súa proposta de medidas para a normalización do galego desde a administración local. Nesta xuntanza, na que amais do alcalde e o presidente da Mesa, Marcos Maceira, participaron o resposonsábel da asociación na comarca de Ferrol, Carlos Outeiro, e o concelleiro de Normalización Lingüística, Álvaro Montes, todos coincidiron en que as novas accións a impulsar desde os concellos deben comezar polo respecto ás propias normas autonómicas en relación á lingua, así como ao plan e ordenanza dos que o Concello se dotou coa participación e acordo dos diferentes grupos políticos e o conxunto da sociedade civil. Normas e acordos que nos últimos anos sufriron graves incumprimentos que deben ser corrixidos.

Neste sentido, Maceira solicitou do alcalde un compromiso real coa lingua e a posta en marcha de accións concretas para a normalización do idioma que abran unha nova etapa no concello, como as contempladas na proposta de mínimos que A Mesa fixo pública no mes de novembro, que contemplaba medidas como a oferta positiva en galego na atención ao público, que as empresas que traballen para as administracións local fagan uso do galego, que todas as actividades do concello se desenvolvan en galego, incluíndo os concursos, ofertas e redacción de estudos técnicos, o impulso do servizo de normalización lingüística ou a utilización do galego nas escolas infantís municipais… entre outras accións que segundo o presidente da Mesa “só precisan de vontade por parte do novo equipo de goberno” e que “terían un efecto multiplicador e efectivo para recolocar e repor o galego en todos os espazos de onde foi excluído”.

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, amosou o seu acordo coas formulacións da entidade en defensa do galego e comprometeuse a levar a proposta da Mesa ao vindeiro pleno municipal e a impulsar desde o seu goberno o cumprimento destes acordos, así como do Plan de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol.

Así mesmo, os representantes da Mesa pola Normalización Lingüística ofreceron toda a colaboración da maior asociación cultural de Galiza ao Concello de Ferrol para construírmos entre todas e todos unha nova política lingüística, verdadeiramente favorábel ao galego, que se ocupe de normalizar o seu uso, repolo onde foi retirado, e de introducilo en todos os espazos de onde foi excluído.

Esta reunión produciuse no marco da rolda de contactos cos alcaldes das principais cidades galegas que a Mesa comezou hoxe en Ferrol, e que continuará o día 1 en Pontevedra e o 2 na Coruña; contactos cos que a asociación en defensa do idioma pretende abrir unha nova etapa para o galego co impulso normalizador dos concellos. Segundo o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “os concellos deben recuperar a iniciativa a prol da lingua e pórlle fin ao sexenio negro para o galego que inaugurou Feixó en 2009”. Deste xeito, “ante a falta de apoio por parte da Xunta de Galiza, aínda tendo a obriga legal de o facer, deben ser os concellos quen actúen para encher o baleiro institucional a favor da lingua que a Xunta está a promover”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra