O Correlingua fixo entrega dos premios nas súas tres categorías

Entregáronse hoxe, martes 18 de abril, os premios Correlingua na sala Juanjo Gallo na Deputación da Coruña

Á entrega acudiron os gañadores das tres categorías nas que había rapaces de todas as idades. Os gañadores foron:

Certame Banda Deseñada: alumnado de 3 e 4 anos do CEIP Manuel Luís Acuña de Ourense

Certame de Vídeo: alumnado de todos os niveis do CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal

Certame Manifesto: alumnado de 4º da ESO do CPI Afonso VII Caldas de Reis

A edición está organizada pola CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). Durante o evento interviñeron o secretario da CIG-Ensino, Anxo Louzao; o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira; o presidente da AS-PG, Xoán Costa; o deputado de Innovación e Deportes da Deputación de Lugo, Pablo Rivera; o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, apuntaba na súa intervención que “sen esta participación de todos os estudantes non sería posíbel vivir este día tan reivindicativo do dereito de vivir no noso idioma” e que agarda que “nos permitan vivir en galego sen cancelas todo o ano”.

O Correlingua é unha actividade escolar que dura todo o curso. Iníciase no primeiro trimestre coa convocatoria dos concursos por medio dos cales o alumnado reflexiona sobre a situación do noso idioma e crea os seus propios argumentos (manifesto, vídeo, banda deseñada) para defender o seu dereito a vivir e medrar en galego. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país, sacando á rúa esta mensaxe en prol do idioma.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra