Noticias da Mesa

Os presidentes do Parlamento de Galiza e da Real Academia Galega recibiron con interese o Protocolo de Donostia para os dereitos lingüísticos

O Secretario Xeral de Kontseilua, Paul Bilbao,  e o presidente da Mesa, Marcos Maceira, presentaron o documento internacional aos presidentes da primeira institución de Galiza e da máis antiga

Paul Bilbao: “o Protocolo é unha ferramenta da sociedade para pensar e actuar en positivo”

Marcos Maceira:  “agora entre todas e todos  temos que levar á práctica o Protocolo. Ese é o espírito da ILP para os dereitos lingüísticos no ámbito económico que promove a Mesa”

O secretario xeral de Kontseilua, Paul Bilbao, a profesora e membro do Comité científico do Protocolo de Donostia para a garantía dos dereitos lingüísticos, Pilar García Negro,  acompañados por unha delegación da Mesa pola Normalización Lingüística formada polo seu presidente, Marcos Maceira, e a súa responsábel na Coruña, Celia Armas, foron recibidos polo presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixáns, xunto a Marilar Aleixandre e Fina Casalderrei, da Executiva da centenaria institución, para presentar o Protocolo de Donostia.

Segundo explicou Paul Bilbao, secretario xeral de Kontseilua, “o protocolo de Donostia é un documento internacional que continúa e concreta o estabelecido na Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos de 1996 e que contempla 185 medidas para garantir o dereito a vivir nas linguas propias de cada territorio”. Na súa elaboración contou coas achegas dun centenar de entidades pertencentes a máis de 30 comunidades lingüística de Europa.

Segundo indicaron os representantes de Kontseilua, entidade promotora, e da Mesa pola Normalización Lingüística, este documento foi recibido con grande interese e vontade de contribuír á súa difusión e aplicación por parte da Academia.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, sinalou a importancia do encontro entre a máis antiga institución da cultura galega no caso da RAG e da Mesa como a máis numerosa, e mostrou a súa satisfacción pola receptividade e interese manifestada tanto polo presidente da RAG como das membros da súa executiva presentes no encontro. Maceira destacou tamén a participación galega especialmente a través da presenza da Profesora Pilar García Negro no Comité científico do Protocolo que, segundo lembrou dá tamén continuidade á Declaración Universal de 1996, do que García Negro tamén foi corredactora.

Recepción do Protocolo polo Presidente do Parlamento de Galiza

Os representantes das entidades sociais de defensa do éuscaro e o galego foron recibidos tamén polo Presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices. A este encontro acudiu tamén Rosario Álvarez, Vicepresidenta do Consello da Cultura Galega.

Maceira sinalou que lles parece importante que “todos os grupos parlamentares e todas as institucións políticas galegas coñezan este documento para a súa aplicación tanto nas  formas que poda ter a nivel lexislativo ou como está a facer agora mesmo a Mesa, aplicalo directamente a través dunha Iniciativa Lexislativa Popular”. O presidente da Mesa lembrou que o Parlamento galego foi dos primeiros en aprobar por unanimidade a Declaración dos Dereitos lingüísticos e que é lóxico que coñeza de primeira man o Protocolo como continuación práctica e impulsada desde a sociedade daquel acordo. Maceira agradeceu o enorme interese mostrado polo presidente do Parlamento galego que coñecía moi ben o texto do Protocolo. Para A Mesa é moi importante que a primeira institución de Galiza escoite aos movementos sociais en defensa da lingua.

Pola súa banda, á saída do encontro co presidente do Parlamento, Paul Bilbao declarou que “o Protocolo é unha ferramenta para pensar en positivo e unha ferramenta que aporta a sociedade civil para construír unha sociedade dentro duns parámetros integradores , de convivencia, de equidade e igualdade lingüística”. Tamén quixo dar a coñecer cales serán os próximos pasos despois de que cada comunidade lingüística sinale as súas prioridades dentro do Protocolo e “cos axentes sociais e os poderes públicos construír pontes”. Para Bilbao “os procesos de normalización lingüística teñen que ser sociais e políticos: cómpre unha sociedade activa mais tamén que os poderes  públicos se impliquen”.

XIX Encontros de Normalización Lingüística do Consello da Cultura Galega

Onte presentouse nos XIX Encontros para a Normalización Lingüística no Consello da Cultura Galega o Protocolo de Donostia para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos da man de Paul Bilbao, secretario xeral de Kontseilua, e o último informe da Liña do Galego por Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

Segundo apuntaba Paul Bilbao, neste Protocolo hai varias novidades como a terminoloxía, xa que se fala dos dereitos en primeiro plano, os suxeitos, que pasan a ser axentes sociais e a proposta, a cal é concreta. Mais, tal e como dixo no seu discurso, quedan aínda algúns retos por conseguir: máis adhesións de axentes sociais, unha mellor preparación do caderno, unha maior implicación por parte dos gobernos, que sexa un referente para as institucións internacionais e crear unha base ideolóxica para un novo discurso.

Marcos Maceira encargouse de presentar o último informe da Liña do Galego afirmando que “vivimos nunha normalidade aparente que na realidade non existe”. A Liña do Galego trátase dun un servizo gratuíto que A Mesa pon a disposición dos cidadáns desde o 2008, no que se poden presentar queixas sobre a vulneración dos dereitos lingüísticos que fan algunhas institucións, empresas, etc ou tamén se poden facer consultas respecto a estes dereitos. Dentro deste servizo tamén se poden presentar parabéns para todos aqueles que garanten a presenza do galego e a vivir no noso idioma.

 

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis