A Mesa pola Normalización Lingüística

PÉSAME polo falecemento de Isaac Díaz Pardo

A Mesa pide ás institucións que manteñan o seu inmenso legado persoal e material e se guíen polo seu pensamento

A Mesa pola Normalización Lingüística súmase ao pesar da sociedade galega polo falecemento de Isaac Díaz Pardo. Para alén de expresarlle as nosas condolencias á familia e amizades próximas, A Mesa quere destacar o compromiso vital coa lingua galega expresado sempre por Díaz Pardo, tanto por medio da súa traxectoria vital como a través da súa obra artística e literaria e do seu traballo na industria cultural. A propia asociación ten que manifestar tamén o seu agradecemento polas moitas colaboracións e apoios que Isaac Díaz Pardo ten amosado en reiteradas ocasións á súa actividade.

Vén de nos deixar un prolífico artista e ilustrado pensador, escritor e conferenciante, mais tamén o artífice dunha das nosas industrias culturais contemporáneas máis internacionais, desde a cal demostrou sempre que o galego podía ser ferramenta válida de comunicación e de mercado dentro e fóra das nosas fronteiras. 

A mellor homenaxe que o pobo galego e as institucións de autogoberno poden tributar a Isaac Díaz Pardo é manter o seu legado e seguir o seu pensamento de constante compromiso con Galiza. 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra