Preséntase en Galiza o Protocolo de Donostia para a garantía dos dereitos lingüísticos

Representantes de diferentes entidades sociais presentaron en Santiago o Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos asinado en Donostia o 17 de decembro

O pasado 17 de decembro presentábase en Donostia o texto final do Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos. Asinado por centos de entidades sociais de toda Europa e promovido por organizacións internacionais como ELEN, CIEMEN, Linguax, UNPO, PEN International e Kontseilua de Euskaherría. Hoxe as entidades sociais galegas que xa se adheriron ao documento presentárono publicamente co obxectivo de comezaren un amplo proceso de difusión dun texto que pretende dotar de capacidade de exercicio práctico a dereitos lingüísticos recoñecidos mais  “coa condicionados a non se exerceren”

O Protocolo de Donostia é froito dun proceso de acordo desenvolvido nos anos previos por diferentes grupos de traballo, combinando os enfoques científico, académico e social, para construír unha ferramenta que permita reverter a situación das linguas minorizadas e construír unha Europa baseada na igualdade entre as comunidades lingüísticas, de maneira que este protocolo foi trasladado a foros e instancias internacionais para que institucións de diferente carácter o utilicen como instrumento práctico do seu compromiso coa diversidade lingüística. Continúa así co establecido en 1996 coa aprobación en Barcelona da Declaración Universal dos dereitos lingüísticos.

Segundo explicou Pilar García Negro, membro do Comité científico do documento internacional, o protocolo é fillo da Declaración Universal dos dereitos lingüísticos aprobado en 1996 e que pretendía dotar de contido o artigo 2 da declaración de dereitos humanos  que contempla a non discriminación, entre outros motivos, por razón de lingua.

O protocolo consta de catro obxectivos principais: reivindicar a garantía da diversidade lingüística e o desenvolvemento das linguas; crear unha ferramenta efectiva para a igualdade lingüística e o desenvolvemento das linguas en situación de desvantaxe; presentar as comunidades lingüísticas como suxeitos dentro deste proceso e reivindicar o seu papel de garantes dunha xestión xusta da sociedade.

Pilar García Negro interveu acompañada de representantes de diversas entidades con práctica continuada de defensa e promoción da lingua galega:  Marcos Maceira (A Mesa pola Normalización Lingüística), Anxo Louzao (CIG-Ensino), Romina Bal (ProLingua), Queca Carballo (Coordinadora de Traballadoras e Traballadores pola Normalizaciónda Lingua), Andrés Bellas (Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe de Galicia, APRADOGA), Mercedes Queixas (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG) e Séchu Sende (A Semente Escolas de ensino en galego).

Segundo dixo  Pilar García Negro, “este Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos é unha garantía xurídica que ten claramente a vocación de comprometer as accións dos gobernos e de todas as institucións implicadas na salvagarda dos dereitos lingüísticos”. Tamén apuntou que “a Xunta de Galiza funciona como unha autentica maquinaria de españolización cando debería de ser a grande factoría da produción e distribución do galego. A españolización aumenta día a día e iso, dunha maneira perversa, pousa sobre un tecido social galego, sobre unha sociedade galega onde, lamentablemente, aínda está asentada con grande contundencia por razóns históricas”.

As entidades presentes sinalaron que o seguinte paso que daráne n Galiza será a difusión ampla do documento na sociedade galega e apresentación ás institucións (Universdades, Paralamento, Goberno galego…) para que o seu contido se convirta en realidade.

Consulta o Protocolo na seguinte ligazón

Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra