Noticias da Mesa

Unha nova discriminación lingüística no SERGAS

A Mesa pola Normalización lingüística vén de facer público un novo caso de discriminación lingüística no SERGAS, no que un paciente foi obrigado a retrasar a realización dunha proba por escoller utilizar o galego

O paciente foi derivado ao Hospital Juan Cardona de Ferrol, onde tiña que facer unha proba do TAC o día 21 de abril de 2017. No hospital solicitáronlle que asinase unha autorización, mais cando o paciente a pediu en galego, dereito que lle recoñece a lexislación vixente, desde o hospital dixéronlle que non tiñan documentación en galego. O xefe de Radioloxía  falou co paciente e díxolle que  non

dispoñía de autorización en galego e que se non asinaba o documento en castelán non podía facer a resonancia.

O paciente comentoulle que era a segunda vez que lle acontecía iso no hospital (a anterior denuncia é do 29 decembro do 2015) co conseguinte retraso na proba e na recuperación. Negouse a asinar o documento en español e presentou unha reclamación no hospital, denunciando que lle negaban unha proba radiolóxica, pola que levaba agardando oito meses. Ao cabo dunha hora chamárono para comunicarlle que en breve o volverían citar.

O paciente non aceptou renunciar aos seus dereitos lingüísticos e tivo que agardar dúas semanas máis para que lla realizasen.

A Liña do Galego da Mesa pola Normalización Lingüística  denuncia este grave caso de discriminación por razón de lingua pois estes feitos supoñen un inadmisíbel intento de coaccionar os cidadáns e cidadás para que non poidan exercer os seus dereitos lingüísticos legalmente recoñecidos, xogando cun tema tan sensíbel e fundamental como a saúde das persoas. “Se non saen máis casos á luz non é porque na maioría dos hospitais se respecten os dereitos lingüísticos dos pacientes –sinalan desde a maior asociación cultural de Galiza- senón porque esta é unha chantaxe terribelmente efectiva”.

Que en 2017 un paciente vexa retrasada unha proba por pretender exercer os dereitos que legalmente ten recoñecidos é un grave caso de discriminación por razón de lingua ante o que a Xunta de Galiza non pode ficar impasíbel, xa que o artigo 3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño de normalización lingüística, estipula que “os poderes públicos de Galiza adoptarán medidas oportunas para que ninguén sexa discriminado por razóns de lingua”.

Por esta razón a Mesa pola Normalización Lingüística puxo o caso en coñecemento do conselleiro de Sanidade, do xerente do Sergas e mais da Secretaría Xeral de Política Lingüística, sen obter polo momento resposta ningunha, e tamén o trasladou á valedora do Pobo.

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, salientou que “as discriminacións lingüísticas son frecuentes no Sergas tal como se recolle no informe da Liña do Galego do ano 2016 onde o Sergas é a entidade da administración pública da que recibimos máis queixas”. Casos semellantes como o do hospital Juan Cardona de Ferrol non son puntuais, polo que estas discriminacións non son novas nin descoñecidas para o SERGAS nin para a Secretaría Xeral de Política Lingüística, e se continúan a se producir é porque desde a Xunta non se fai nada por solucionalo.

 

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis