Familias polo galego

Familias polo Galego xorde como un colectivo –vinculado á Mesa pola Normalización Lingüística– constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Isto implica a imposibilidade de escolarizar e socializar as nenas e nenos galegos na súa lingua.

OBXECTIVOS

O obxectivo fundamental do colectivo é conseguir o respecto dos dereitos lingüísticos das nenas e nenos galegos nunha etapa decisiva na adquisición e na consolidación do idioma. Como galegos e galegas, desexamos ofrecerlles aos nosos fillos e fillas unha educación e unha primeira aprendizaxe na nosa lingua e a posibilidade de poder utilizala con naturalidade.

O papel do colectivo consiste en incidir no sector educativo e no entorno formativo –inicialmente na etapa infantil– para demandar a existencia de ensinanzas e actividades extraescolares en galego, conseguir a publicación e comercialización de materiais de aprendizaxe e lecer que fagan posíbel e natural esta formación e emprender iniciativas que sensibilicen e abran o debate na poboación e nas institucións sobre a importancia da transmisión e o mantemento da lingua nas crianzas.

MOTIVACIÓN

Alén da salvagarda dos dereitos lingüísticos dos nenos e nenas, outros factores como a riqueza formativa que lle supón a aprendizaxe en galego e mesmo o futuro da lingua fan necesaria a existencia dunha oferta de escolarización en lingua galega.

As positivas actitudes da poboación cara a ela reforzan estas ideas. A nosa demanda fúndase, dunha banda, na inquedanza que provoca a perda do galego como lingua de transmisión interxeracional e mais a perda de terreo do galego como lingua habitual e, doutra banda, na demanda por parte dunha gran maioría da poboación de accións necesarias para fomentar o uso da lingua.

Ademais disto, tal e como sinalan todos os estudos e mesmo o Consello de Europa, o actual marco legal para o uso do galego nos centros de ensino non cumpre co obxectivo de garantir as competencias lingüísticas ao rematar cada etapa educativa. Isto concrétase na prohibición do galego para a impartición de determinadas materias, na exclusión do galego na etapa infantil ou no incumprimento sistemático dos mínimos en galego aos que obriga un decreto como o de plurilingüismo que xa é de por si lesivo para o noso idioma.

ÁMBITOS DE ACTUACIÓN

Na nosa actividade estamos a nos dirixir a todas aquelas entidades que participan no universo formativo, entendendo por tales tanto as que ofrecen unha educación regulada como non regulada, no sector público e mais no privado e nos colectivos implicados na formación escolar ou extraescolar de todos os niveis.

 Así mesmo, pretendemos desenvolver un labor de sensibilización nas familias e persoas do entorno dos nenos e nenas sobre a importancia e o valor que supón na formación das crianzas unha aprendizaxe en lingua galega.

Queres participar no proxecto Familias polo galego? Deixa os teus datos para contactar contigo:

Nome:
Apelidos:
Enderezo electrónico:
Móbil:
A túa solicitude foi enviada correctamente.
Hai un erro no formulario. Por favor, verifica que todo está correctamente.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra