Somos Galego

Suplemento realizado en parcería pola Mesa pola Normalización Lingüística e por Sermos Galiza

“A nosa lingua precisa de reposición, de contar con plena normalidade en todos os espazos”

Esta publicación nace coa idea de informar das novidades arredor da nosa lingua, sexan denuncias, información sobre acontecementos relevantes, pequenos ou grandes avances e por suposto entrevistas que nos axuden a termos unha panorámica ampla da situación que vive a lingua día a día.

Manteremos tamén seccións fixas e participativas nas que as e os lectores sexan protagonistas e propoñan dúbidas e respostas ás cuestións que como falantes queremos resolver. Estas seccións serán as de toponimia, dereitos lingüísticos e a utilización da lingua e información sobre empresas ou produtos que teñen o galego como lingua normal das súas relacións comerciais.
Calquera das inquedanzas que se teñan en relación a estas seccións, poderanse enviar a amesa@amesa.gal ou comentar a través das redes sociais.

Sae á luz esta publicación cando se veñen de publicar os datos do IGE sobre o uso do galego que non veñen máis que a confirmar a tendencia lóxica derivada non só da falta de compromiso senón dos ataques continuados á nosa lingua desde o actual poder político galego ou español. Uns ataques amplamente sinalados no amplo relatorio de incumprimentos da Carta Europea das Linguas que A MESA presentou ao Comité de Expertos do Consello de Europa que avalía a súa aplicación. Ou no informe elaborado para denunciar a situación na que nos atopamos aos 10 anos da aprobación por unanimidade do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega onde se mostran as innumerábeis barreiras que fan que dez anos despois deste amplo acordo siguamos igual ou en moitos casos peor que en 2004.

Esa é a situación no ensino, onde por primeira vez na historia da autonomía está prohibido ministrar en galego as materias do ámbito científico como matemáticas, ou vemos a nosa lingua eliminada da Educación Infantil nas cidades.

Mais son outros moitos sectores nos que o galego non está en condicións mínimas de igualdade, onde a opción de escoller o galego non existe, ou de existir, a súa escolla aparella molestias difíciles de aturar, que marcan diferenzas segundo a lingua que se fale, e onde quen fala galego sempre ten as de perder.

Para comprobalo basta con ver o que acontece ao solicitar un documento público en galego. Alugar ou comprar unha casa, atopar impresos en Facenda, ou casar, require engadir moita forza de vontade se se quixer facer en galego. Por non falar de que non temos posibilidade de vermos filmes na nosa lingua nin sequera en DVD cando si hai unha oferta ampla noutros idiomas.
A nosa lingua precisa de reposición, de contar con plena normalidade en todos os espazos que lle corresponde como lingua do país. Facela de facto lingua oficial da nación, de sacala da prisión da ritualidade oficial.
Á normalidade que tanto necesitamos para nós e o noso idioma, queremos contribuír coa ferramenta da información, do debate, do contraste de ideas para reverter o proceso de substitución lingüística en Galiza. Sabemos que non é suficiente con isto

A nosa lingua precisa de reposición, de contar con plena normalidade en todos os espazos mais tamén precisamos facer visíbel a situación da nosa lingua e exixir os dereitos que lexitimamente nos corresponden.

Somos galego será unha ferramenta para acadar a liberdade que nos permita vivir en galego con total normalidade no noso propio país e facilitar a instalación na nosa lingua de todas as persoas que o desexan mais que só atopan barreiras para facelo. Un espazo para nos coñecermos, para denunciarmos, para partillarmos e parabenizar as iniciativas que abren a porta da esperanza.
Somos galego. Unha evidencia tantas veces oculta como a propia realidade do pobo galego. Queremos que o galego, Galiza, viva, e participar coa lingua dun pequeno espazo informativo que nos cede Sermos Galiza o único semanario editado integramente no noso idioma.

Últimas noticias

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis