​A Mesa da Coruña reclama que o galego deixe de estar excluído da administración local

Celia Armas, responsábel da entidade na Coruña: “parécenos unha burla que aínda existan a data de hoxe formularios como o que autoriza a domiciliacion bancaria nas Escolas Municipais de Música da Coruña que están redixidos nun perfecto bilingüe castelán/inglés”

A Coruña, 19 de setembro de 2015-. A pesar das boas intencións manifestadas polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, en entrevista coa Mesa o pasado mes de xullo, a respecto da normalización do emprego da lingua galega por parte da administración local, formalmente,  anosa lingua continúa desaparecida dos trámites usuais.
A responsábel da entidade en defensa da lingua galega na Coruña, Celia Armas, puxo como exemplo os formularios  de domiciliación bancaria das Escolas Municipais de Música, redixidos exclusivamente en castelán e inglés, obrigando ás e aos cidadáns que queren facer uso efectivo da lingua galega, ou a prescindiren dela ou a investiren tempo e esforzo facéndose o seu propio impreso. “Parécenos unha burla que existan a data de hoxe formularios que exclúen a lingua propia de Galiza, vulnerando a lexislación e dificultando o uso normal do galego perante a administración pública” afirmou.
Celia Armas engadíu que desde A Mesa pola Normalización Lingüística da Coruña, “agardamos que este exemplo de desprezo pola nosa lingua e polos seus falantes sexa subsanado inmediatamente e que desde o concello se camiñe, como fora comprometido, cara unha normalidade na presenza pública da nosa lingua”. Ademais mostrou a disposición da Mesa a colaborar co concello en todo canto for preciso para recuperar a presenza pública do galego en todo canto dependa da administración municipal.​

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra