A plataforma cidadá Queremos Galego congregou miles de persoas nunha masiva manifestación baixo o lema En galego día a día
A mobilización percorreu as rúas de Santiago de Compostela e puxo en valor o sobreesforzo das persoas galegofalantes para viviren en galego
Marcos Maceira: “para manter o galego vivo día a día temos que facer un sobreesforzo que ataca a nosa dignidade persoal e colectiva e non se lle exixe a ningunha outra lingua oficial”
Santiago de Compostela, 17 de maio de 2018
Un ano máis as rúas de Compostela ficaron pequenas para acoller os milleiros de persoas que se desprazadas de todos os recunchos do país para apoiar a manifestación convocada por Queremos Galego no 17 de maio, Día das Letras Galegas.
Baixo o lema deste ano, “en galego día a día” a plataforma cidadá que aglutina máis de 500 colectivos e asociacións quixo poñer en evidencia os problemas e trabas ás que se teñen que enfrontar as persoas galegofalantes no seu día a día.
O acto conducido pola comunicadora e presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galiza Nieves Rodríguez, contou coa participación de Marga Romero, Concha de la Fuente, Anxos Sobriño, Cesáreo Sánchez e Adela Figueroa que leron o manifesto deste ano no que se revindicou a necesidade de incrementar a presenza da lingua galega na administración para que se respecten os dereitos lingüísticos, na xustiza -onde só o 5% das sentenzas son en galego- ou nos medios audiovisiuais e de comunicación para non reducir a programación na lingua propia nomeadamente na Radio Galega. Houbo especial mención ao proxecto do Diario Galego.
O sobreesforzo de manter a lingua viva
Na súa intervención o portavoz de Queremos Galego Marcos Maceira, ante unha ateigada praza da Quintana recoñeceu o “sobreesforzo que realiza o profesorado para elaborar materiais en galego, o sobreesforzo de pais e nais que procuran solucións ante a marxinal oferta de galego nos debuxos ou nos xoguetes, o sobreesforzo das editoriais que manteñen o noso idioma a pesar das cativas axudas da Xunta, grazas ao compromiso de manterdes o galego vivo!”. “Un sobreesforzo maior nas zonas do Eo-Navia, o Bierzo, Sanabria e o val do Ellas, onde o galego non ten recoñecida a oficialidade”, engadiu Maceira.
Queremos Galego denunciou o nulo compromiso e o desleixo da Xunta de Galiza ante todo o que son as cuestión relacionadas coa lingua galega pois, mentres outros territorios lexislan e amparan o uso das súas linguas, en Galiza é o propio goberno quen renega das súas competencias. Maceira acusou o presidente Feixóo de renunciar ás súas obrigas estatuarias “para se converter nun simple subdelegado do goberno en provincias”.
Para exemplificar Maceira argumentou que a Xunta presenta plans fantasma para dinamizar o galego entre a mocidade mentres en Galiza, “de facto ao galego impónselle un 155 lingüístico pois non se entende que o Tribunal Supremo di que o catalán debe ter unha presenza mínima no ensino dun 75%, o galego está baixando do 33% grazas ao decretazo contra o galego e á LOMCE”.
Confianza no futuro. Activismo para gañar
Malia a pasividade da Xunta para promover avances para o galego e as trabas do goberno do Estado, o voceiro de Queremos Galego amosouse esperanzado pois, nos últimos anos, a mobilización social conseguiu importantes pasos adiante para facer efectivo o dereito a usarmos a lingua propia de Galiza.
Apelou á unión de galegos e galegas para reivindicar, defender e empregar a lingua galega día a día.