Representantes de A Mesa pola Normalización Lingüística (Galiza), Euskalgintzaren Kontseilua (Euskal Herria), Òmnium Cultural, Plataforma per la Llengua, Ciemen, Acció Cultural del País Valenciá, Obra Cultural Balear, Escola Valenciana, Associació Cultural Valenciana Tirant lo Blanc, Federación de Organitzacions per la Llengua (Països Catalans), Iniciativa pol Asturianu (Asturies) e Nogará religada (Aragón) lembran nun comunicado conxunto […]
Representantes de A Mesa pola Normalización Lingüística (Galiza), Euskalgintzaren Kontseilua (Euskal Herria), Òmnium Cultural, Plataforma per la Llengua, Ciemen, Acció Cultural del País Valenciá, Obra Cultural Balear, Escola Valenciana, Associació Cultural Valenciana Tirant lo Blanc, Federación de Organitzacions per la Llengua (Països Catalans), Iniciativa pol Asturianu (Asturies) e Nogará religada (Aragón) lembran nun comunicado conxunto emitido esta mañá que tanto no proceso de alegacións ao anteproxecto de Lei como no de debate do proxecto, presentaron propostas ao Ministerio e aos diferentes partidos para que a nova Lei recoñecese a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas garantidas para todas as linguas na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento antecipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas lineais ou baixo demanda.
Se ben a presión política e social impulsada polas entidades a favor das linguas foi determinante para se incluíren mínimos para todas as linguas tanto nas cotas de catálogo das plataformas e das emisións de TVE, como no financiamento antecipado, as modificacións introducidas son claramente insuficientes e testemuñais ao representaren entre o 0,35% e o 2,55% do conxunto.
Se as cotas que se estabelecerán co pretendido obxectivo de garantir a pluralidade lingüística son testemuñais, a lei reduce a súa incidencia ao deixar fóra de regulación a plataformas internacionais como Netflix, HBO, Prime ou Disney que se cinguirán á autorregulación que estabeleceren.
A respecto da obra audiovisual dobrada malia lle dar preeminencia baseada na xeolocalización dentro do catálogo, non se estabelecen mínimos de presenza para todas as linguas e limitándose sinalar que se engadirán contidos nas linguas diferentes do español.
A proposta que irá ao pleno do Congreso é agresiva coas produtoras independentes até o agora o sector que garantía a existencia da mínima oferta dispoñíbel nas linguas diferentes do español.
Até hoxe, a lexislación xeral audiovisual só estabeleceu porcentaxes obrigatorias de contidos mínimos e financiamento para o castelán sen indicación nen recoñecemento, fóra da retórica baleira de contido, das outras linguas existentes no Estado español. Impídese así que a infancia, a mocidade e o conxunto do público goce na súa lingua da ampla oferta dispoñíbel de programas de televisión, series e filmes.
Cómpre actuar nun dos ámbitos onde a situación de exclusión das nosas linguas é máis evidente e que, ao tempo, é unha das ofertas de lecer máis empregadas pola cidadanía en xeral e a mocidade e infancia e particular. Estes dous elementos converxen nun sector estratéxico para calquera pobo como o audiovisual, con grande capacidade para contribuír ao desenvolvemento lingüístico, cultural e económico dos nosos países.
As entidades a favor das linguas instan ao goberno español e aos partidos que o apoian a abandonaren o inmobilismo e as reticencias ao recoñecemento pleno de todas as linguas en igualdade de condicións, e nesa dirección seguirán a traballar. Anuncian ademais a súa presenza no debate no pleno no Congreso o día 26 diante do que manterán unha concentración ás 10h30.