App ABERTOS AO GALEGO
Unha App para terminais Android e Apple onde están sinalados os establecementos que contan co certificado Abertos ao galego xunto a aqueles dos que temos constancia do uso do galego. A App fica aberta a novas incorporacións, polo que se coñecer estabelecementos que puideren entrar só nolo ten que facer saber.
ABERTOS AO GALEGO
ABERTOS AO GALEGO é un proxecto que a Mesa pola Normalización Lingüística puxo en andamento en 2008 para colaborar coas empresas que apostan no galego
Que é o certificado ABERTOS AO GALEGO?
ABERTOS AO GALEGO é un certificado que se concede, en diferentes niveis, ás empresas, comercios, asociacións e entidades de toda índole que adopten e desenvolvan compromisos para a normalización do galego.
Cales son os requisitos para ostentar o certificado?
- Ter unha disposición favorábel ao uso do galego.
- Colaborar na análise anual da situación lingüística da entidade (para o cal A Mesa pon ao seu dispor unha “Ficha para analizar e planificar a situación lingüística”) e, segundo a mesma, proporse obxectivos anuais.
- Pagar a cota que corresponda para poder ostentar o certificado (46€ anuais).
Quen se encarga do seguimento e avaliación?
A Mesa pola Normalización Lingüística, a maior asociación cultural de Galiza, con máis de vinte anos de historia ininterrompida, é a responsábel do seguimento, promoción e avaliación do certificado.
Cales son as vantaxes das empresas ou asociacións que conten co certificado abertos ao galego?
a. Figurarán no catálogo web, actualizado permanentemente na páxina www.amesa.gal/abertosaogalego.
b. Poderán participar nos actos comarcais e nacionais que se realizarán cada ano para as entidades que ostenten o certificado e que terán difusión mediática.
c. Poderán acceder a descontos publicitarios en medios de comunicación que colaboraren co proxecto.
d. Poderán utilizar o distintivo do certificado alí onde o consideraren oportuno (A Mesa entregará os distintivos correspondentes).
e. Conseguirán un impulso ao uso da lingua que nos une como galegos e como galegas, participando dunha ampla rede social.
Cales son as empresas que pertencen a abertos ao galego?
>>> Empresas pertencentes a abertos ao galego <<<
Cales son as cotas para poder ostentar o certificado?
- A base é de 46 €/ano.
- As empresas ou entidades con varias sedes ou locais contabilizaranse de xeito diferenciado segundo cada un dos enderezos, xa que nas guías tamén aparecerán separadamente.
Cal é o destino do diñeiro recadado nas cotas?
Todas as cotas recadadas irán destinadas integramente á xestión e ao desenvolvemento do propio proxecto do certificado (edición de folletos, catálogos, mantemento da páxina web, etc) e ao obxectivo de promover a extensión do uso do galego no ámbito socioeconómico.
Cales son os diferentes niveis do certificado?
A extensión da lingua galega a todos os ámbitos é un camiño que imos andando pouco a pouco. Por iso, o certificado estabelece catro graos. O Nivel UN é para quen está a dar os primeiros pasos; o Nivel DOUS para quen xa utiliza o galego cara ao exterior; o Nivel TRES para quen tamén o usa internamente, e o Nivel CATRO para aquelas entidades que ademais participan de forma especial en dinamizar o uso da lingua.
Nivel UN
- Adoptaron e están a desenvolver medidas para a normalización do galego. Están aínda a dar os primeiros pasos.
- No caso das empresas, estabelecerase como mínimo para este nivel o uso non deturpado da toponimia e o cumprimento da lexislación lingüística.
- No caso das organizacións, o estabelecemento de medidas concretas para o uso do galego será suficiente para este nivel, malia que tales medidas aínda non se concretasen. A Mesa realizará un seguimento específico da aplicación das medidas nos prazos acordados coa entidade correspondente.
Nivel DOUS
- Empresas e entidades que ofrecen toda a súa información exterior en galego.
- No caso de facer uso tamén doutros idiomas, o galego será a lingua de opción positiva e que apareza salientada ou en primeiro lugar.
Nivel TRES
- Ofrecen toda a información exterior en galego e, ademais, utilízano como lingua interna de traballo: nóminas, xestións administrativas, contabilidade etc.
Nivel CATRO
- Ademais de realizaren un uso sistemático do galego tanto interna como externamente, solicitan a información e a documentación en galego a provedores e administracións.
- Son entidades e empresas que dinamizan de xeito especial o uso e a extensión social do galego.
A onde me podo dirixir para conseguir máis información ou iniciar os trámites para obter o certificado?
Podes pórte en contacto coa Mesa pola Normalización Lingüística no correo electrónico abertosaogalego@amesa.gal ou no teléfono 981 56 38 85.