Celia Armas: “queremos axudar, neste difícil momento, a dar visibilidade e promover os negocios que traballan en galego”
Santiago de Compostela, 11 de maio de 2020. Abertos ao Galego, proxecto posto en marcha pola Mesa pola Normalización Lingüística para promover o uso do galego no ámbito empresarial, presentou a súa campaña para axudar aos negocios a se publicitaren en galego na televisión cunhas tarifas vantaxosas.
Segundo sinalou a directora de Abertos ao Galego, Celia Armas, “somos conscientes das dificuldades que moitas empresas e comercios están pasando neste momento de crise sanitaria e económica, polo que desde Abertos ao Galego queremos pór o noso gran de area facilitándolles o se poderen publicitar na televisión e ofertaren os seus servizos e produtos ao maior número de persoas posíbel”. Neste sentido, a entidade asinou un convenio con Nós Televisión para que as empresas que forman parte do proxecto dispoñan de importantes descontos para contratar anuncios publicitarios nesta canle de televisión.
A sinatura do convenio beneficiará a máis de 600 comercios que forman parte do proxecto Abertos ao Galego e apostan por traballar en galego no seu día a día. A medida súmase a outras postas en marcha en anos anteriores como a creación da App Abertos ao Galego que localiza as empresas que utilizan o galego por sectores e permite valorar o uso da lingua favorecendo que as persoas responsables poidan introducir melloras.
Nós Televisión é unha canle consolidada no panorama de medios de comunicación, un referente no audiovisual galego e con obxectivos claros: comunicar desde Galiza e para Galiza traendo as voces das invisibilizadas e excluídas, sendo o medio de comunicación da sociedade galega que non se resigna. É, neste momento, a única canle privada cunha aposta decidida pola lingua galega, a única na se desenvolve a súa programación, e está dispoñíbel para toda Galiza na canle 119 de R.
Desde A Mesa pola Normalización Lingüística animan á sociedade galega a mercar produtos galegos e apostar por empresas socialmente responsábeis coa lingua propia de Galiza, pois “se nos axudamos entre nós, non só estaremos favorecendo a economía local senón que tamén impulsaremos uso do galego no ámbito comercial e empresarial” concluíu Armas.