A Mesa pola Normalización Lingüística é unha plataforma independente, plural e apartidaria que ten como único obxectivo a promoción do uso do galego en todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma. O seu papel é o de emprender iniciativas que sensibilicen a poboación e que abran novas vías de uso do noso idioma en distintos ámbitos, así como denunciar todo tipo de agresións e discriminacións que poida sufrir a lingua galega e asegurar que se respecte o seu uso individual e colectivo.
En abril de 1986 diversas asociacións convocaron un “Encontro sobre o estado actual da normalización lingüística” que reuniu a case 500 asistentes. Entre as resolucións finais, acordouse constituír unha Mesa Permanente para a Normalización Lingüística que se encargase de poñer en práctica as conclusións daquel encontro.
A Mesa conseguiu especial relevancia en decembro de 1987, cando o goberno central requiriu ao goberno galego para que retirase o esencial da orde do 31 de agosto de 1987 pola que se incorporaba o galego como lingua vehicular do ensino. A Mesa convocou a institucións, asociacións cívicas, anpas, sindicatos, organizacións políticas e a toda a cidadanía en xeral a unha gran mobilización o 13 de decembro de 1987 coa finalidade de defender o proceso de normalización lingüística no ensino, baixo a consigna “Aprender en galego non é un delito”. Esta manifestación congregou, segundo datos oficiais, a máis de 25.000 persoas.
A Mesa pola Normalización Lingüística está composta por máis de 4.000 socias e socios, que a converten na maior asociación cultural de Galiza. Calquera persoa sensíbel coa causa do idioma galego pode facer parte da Mesa.
Os seus órganos de goberno son a Asemblea Xeral, a Xunta Directiva e a Comisión Permanente.
Todos os socios e socias da Mesa poden participar cada ano nunha reunión nacional onde se valora o traballo realizado e se deciden as liñas xerais de acción para desenvolver no seguinte período.