Comunicación ás socias e socios da Mesa: mudanza de sede

Prezada socia, prezado socio:

No remate deste ano 2020 a Comisión permanente da Mesa pola Normalización Lingüística quer agradecer o teu compromiso coa nosa asociación. A todo este apoio debémoslle que máis do 80% do orzamento anual da Mesa proceda exclusivamente das cotas e achegas de socias e socios, o que garante a nosa independencia e nos permite manter non só unha importante actividade ao longo do ano senón tamén contarmos cunha estrutura de persoal fixa e especializada para atender proxectos como A Liña do Galego, para a defensa dos dereitos lingüísticos; Abertos ao galego, para a promoción do uso do galego no ámbito socioeconómico; a participación no Correlingua, principal actividade de impulso ao galego no ámbito educativo; ou garantir a mobilización e resposta social a favor da nosa lingua en todos os espazos, entre os que neste momento destaca a Iniciativa Xabarín coa que queremos impulsar para o 2021 contidos e programación infantil e xuvenil en galego en todas as plataformas de televisión e, nomedamente, nas canles públicas.

 

Este apoio das socias e socios foi especialmente significativo neste ano tan difícil para todas e todos, no que, porén, fomos capaces de manter toda a nosa actividade, tamén durante o periodo de confinamento. Xunto á axuda das socias e socios queremos sinalar o compromiso persoal que mantiveron durante todo este tempo as persoas que traballan na Mesa pola Normalización Lingüística: Sara, Luís, Lucía, Leo e Dores.

Queremos aproveitar esta mudanza de ano para te informar da adquisición dunha nova sede nacional situada no bairro compostelán de Conxo, na Rúa García Prieto, 7, 15706 de Santiago de Compostela, tal e como resultou do aprobado na última Asemblea Xeral celebrada en xullo. Como xa sinalamos, o apoio e confianza das socias e socios permitiunos adquirir en propiedade esta sede, mantendo a nosa actividade e sen endebedamento nengún.

Só lamentamos non poder celebrar contigo a nova apertura pola limitacións sanitarias mais tentaremos facelo así que a situación o permita.

A previsión é trasladármonos entre o 23 de decembro e o 11 de xaneiro polo que entre estes días só atenderemos as comunicacións que nos cheguen por correo electrónico e as redes sociais procedendo a feche temporal da tenda electónica pola imposibilidade de atención dos pedidos.

 

Cumprimentos cordiais

Marcos Maceira Eiras

Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra