A restauración dos teus apelidos é un acto simbólico de grande importancia para o proceso de normalización da nosa lingua. Cada vez que unha persoa restaura o seu apelido, non só está amosando publicamente o seu compromiso co noso idioma, senón que tamén está incidindo, co seu comportamento na sociedade en xeral e en todas as entidades en que vaia facer efectivo o cambio (administración, bancos, empresas subministradoras…).
Na inmensa maioría dos casos, os apelidos casteláns en Galicia son o produto da deformación case sempre involuntaria dun apelido orixinariamente galego. Non existe ningunha pexa legal para que galeguices o teu nome, os teus apelidos ou inscribas os teus fillos e fillas con nomes de noso: a Lei 40/1999, do 5 de novembro, sobre nome e apelidos e orde destes, garante os nosos dereitos ao respecto.
A institución que por lei é responsable dos aspectos normativos da lingua galega, a Real Academia Galega, facilita ás persoas interesadas e ás e aos funcionarios dos rexistros civís as formas estándares de nomes e apelidos, a través do Dicionario dos nomes galegos, coas cales xa non son necesarios informes filolóxicos para os rexistros civís. En ambos recursos inclúese unha equivalencia das formas castelanizadas coas súas galegas correspondentes.
Se desexas restaurar o teu apelido, por favor, envíanos unha consulta a través da Liña do Galego para axudarche no proceso.