Igualdade para producións, dobraxe e lexendaxe en galego na nova Lei Xeral do Audiovisual
Plataformas de emisións de contidos audiovisuais como Netflix, HBO, Prime Vídeo ou Movistar, ou incluso as canles xeralistas con concesións públicas de TV, emiten os seus contidos só en castelán sen nen sequera contaren coa opción dobrada ou lexendada en galego que si ofertan para outras moitas linguas.
Mesmo a canle pública estatal, TVE, tamén financiada con diñeiro galego, só emite na nosa lingua 39 minutos sobre un total de 120 horas diarias.
Até o momento a lexislación xeral audiovisual só estabeleceu porcentaxes obrigatorios de contidos mínimos e financiamento en castelán, o que limita o acceso a contidos en galego, impide que a infancia, a mocidade e o conxunto do público gocen dunha oferta máis ampla de series e filmes en galego e sitúa en inferioridade de condicións de financiamento ao sector audiovisual galego. Porén, esta situación pode mudar na nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual.
Que queremos?
En maio de 2021 o Parlamento de Galiza aprobaba por unanimidade a Iniciativa Popular Xabarín impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística e avalada por máis de 33.000 sinaturas, xa contemplaba algunhas medidas para corrixir esta situación solicitando accións para:
- Que a nova Lei Xeral do Audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda.
- Reclamar da Corporación de Radio Televisión Española que emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa App.
9603 apoios para esta campaña.