Asóciate!
A Mesa pola Normalización Lingüística é a maior asociación cultural que traballa polo galego. O noso obxectivo é promover a lingua galega como ferramenta de cohesión social e lingua común.
Traballamos para normalizar o galego no mundo da empresa e nas administracións públicas; para fomentar a presenza do galego na cultura; para garantir o modelo de inmersión lingüística na educación.
Se tes algunha dúbida podes poñerte en contacto connosco a través do correo-e admon2@amesa.gal ou chamando ao teléfono 981 563 885.
Traballamos para fomentar o galego no ensino, na empresa ou nas administracións públicas; para sensiblizar a poboación sobre a situación do galego; para denunciar as agresións e discriminacións ao galego; para garantir o uso individual e colectivo do galego… Grazas ás socias e socios, contamos con recursos materiais e humanos nos que destaca o traballo voluntario de moita xente. Coa vosa axuda contamos coa Liña do galego, un servizo de atención e tramitacións de queixas, consultas e parabéns, cuxa memoria anual vimos de publicar.
Mantemos o proxecto Abertos ao Galego, dirixido a empresas e comercios que manteñen o galego como lingua normal de relación coas súas clientas e usuarios, e cuxo catálogo podes consultar aquí.
Publicamos informes e estudos sobre diferentes aspectos que afectan á nosa lingua. Recentemente publicamos o Informe sobre o cumprimento do PXNLG ou o Relatorio sobre a Carta Europea, xunto co Estudo sobre o galego na educación infantil. Todos eles foron utilizados para alertar sobre a situación do galego mesmo diante de organismos internacionais como o Consello de Europa, a UNESCO ou o Consello de Dereitos Humanos da ONU.
Promovemos campañas para a galeguización de servizos básicos como todos os relacionados coa atención ao público por parte de administracións e empresas onde non só non utilizan a nosa lingua senón que non atenden quen a utiliza.
Elaboramos Somos Galego un xornal bimestral en parcería con Sermos Galiza, onde se poden seguir as principais novas relacionadas coa lingua.
Impulsamos acordos entre a maior parte das forzas políticas galegas, como a Declaración de Unidade a prol da Normalización da lingua galega coa pretensión de que sexa un punto común para pór en práctica acción reais de recuperación e reposición do noso idioma.
Mais na Mesa non estamos satisfeitas nin satisfeitos. Non é suficiente. Aínda sabendo das dificultades que ten realizar unha tarefa que en grande parte debería asumir a administración galega, sabemos que é preciso moito máis esforzo pola nosa parte.
Precisamos máis apoio para mellorarmos e ampliarmos todo este traballo que cómpre facer máis participativo. Por iso te animamos a que difundas as nosas accións e actividades, a que nos fagas chegar as túas suxestións e opinións, e a que animes as túas amizades a facérense socias e socios.
Para todo isto, necesitamos a túa colaboración, faite soci@!