De novo veñen de fóra dicirnos como temos que falar e nomear as nosas cidades, vilas, parroquias e lugares e que non é válida a forma lexítima e auténtica que o pobo galego deu a todos os espazos do seu territorio, como parte indisociábel da súa historia, da súa cultura e da súa lingua propia. A pesar das sucesivas vagas de eliminación e deturpación dos nosos nomes de lugar, seguen a existir, a designar todos os espazos do noso país e a mostrar o escaso éxito social das anacrónicas tentativas de os suprimir.
Atacar e ocultar a nosa toponimia é facelo tamén coa nosa dignidade colectiva e a capacidade de dicirlle ao mundo quen somos e onde estamos.
Estes ataques fanse a pesar de que a Lei de Normalización Lingüística fai 40 anos e a acción colectiva a favor da lingua conseguiu que o seu artigo 10 estabelecese que “a única forma oficial dos topónimos é a galega”. Porén, a claridade deste artigo foi capaz de mudar a actitude de todos os poderes contrarios á normalización do noso idioma. Non son só campañas puntuais as que pretenden eliminar a nosa toponimia, é tamén o silencio dos poderes públicos perante o uso reiterado e sistemático das formas deturpadas na sinaléctica, medios de comunicación ou mesmo mapas dixitais como os de Google.
As institucións públicas débense corresponsabilizar da súa lexislación e das súas obrigas, por isto reclamamos da Xunta de Galiza, do Goberno español e dos concellos afectados que tomen todas as accións necesarias para:
- Garantir o cumprimento da legalidade na toponimia
- Instar ás compañías de xeolocalización a que empreguen as formas correctas e oficiais dos nomes de lugar.
- Manifestarse contra as campañas de odio á lingua galega e á denominación do seu territorio.
9593 apoios para esta campaña.