A vila de Viveiro atópase a cen quilómetros das escolas oficiais de idiomas que imparten aulas de galego máis próximas (Ferrol e Lugo). A distancia é aínda maior para a vila de Burela. De feito, en toda a Mariña Lucense é imposible estudar galego nunha institución pública fóra do ensino primario e secundario. Porén, a demanda de clases de galego non deixa de medrar, e son moitas as persoas que acoden á EOI “Luz Pozo Garza” de Viveiro para se informaren sobre a posibilidade de aprendelo.
A Escola Oficial de Idiomas de Viveiro “Luz Pozo Garza” leva anos pedindo á Consellaría abrir grupos de lingua galega, petición que é denegada sempre baixo pretextos como a falta de profesorado especializado ou a imposibilidade de facer medrar o número de persoal na escola. Malia as propostas recibidas pola Consellaría que salvaban ambos os dous obstáculos, estas tamén se rexeitaron.
A decisión da Xunta de Galiza de impedir impartir aulas de galego está a afectar directamente os dereitos lingüísticos da poboación da Mariña, especialmente das persoas migrantes. A imposibilidade de aprender a lingua afecta as súas perspectivas laborais, xa que o coñecemento da lingua galega é imprescindíbel para un grande número de postos de traballo e mesmo para participar en actividades formativas de formación profesional.
A Escola Oficial de Idiomas de Viveiro ten a vontade de contribuír a normalización lingüística ofrecendo á cidadanía formación continua ao longo da vida adulta. Polo tanto, pedimos a vosa sinatura para dar voz a esta petición. É necesario que a Xunta reconsidere a negativa ás aulas de galego na EOI de Viveiro e na sección de Burela. Seguir sen oferta académica de galego en toda a Mariña é pechar os ollos ante unha crecente demanda de igualdade social e lingüística.

645 apoios para esta campaña.