A Asociación Cultural Correlingua desenvolve unha actividade de carácter nacional que transita dunha a outra localidade cun denominador común que é a normalización lingüística da mocidade e a infancia. Para isto conta coa axuda loxística da Mesa pola Normalización Lingüística, a CIG-Ensino e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, así como coa colaboración das Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo e os concellos de Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Vigo e Lugo, entre outros.
O Correlingua é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar a mocidade e a infancia e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.
O interese que ten a normalización lingüística entre a mocidade é evidente se temos en conta a importante perda de falantes que se está a producir entre a poboación máis nova, situación que confirman os diversos estudos que se teñen realizado, como os datos recollidos e analizados polo IGE no 2018. É preciso, xa que logo, chamar a atención de todas as instancias político-sociais a respecto da necesidade de intervir de maneira efectiva no mantemento e difusión do idioma e facelo, pola súa vez, coa participación activa das propias destinatarias: a mocidade e a infancia.
O Correlingua ten uns obxectivos claros:
- Propiciar a reflexión sobre a situación da lingua e a importancia de activar as accións en prol dela.
- Sensibilizar a sociedade, a través da poboación infantil e moza, da importancia da defensa da lingua.
- Asociar a reflexión lingüística a actividades colectivas, lúdicas e amenas e interdisciplinares.
- Contribuír a manter vivo o maior patrimonio creado polas galegas e os galegos e implicar as xeracións máis novas no cumprimento deste obxectivo.
PERSOAS DESTINATARIAS
A maioría das carreiras están orientadas principalmente ao estudantado dos centros de ensino secundaria, aínda que tamén propoñemos actividades específicas para as nenas e nenos de primaria e infantil. A través de fórmulas de colaboración varias, participan tamén entidades asociativas e ámbitos diversos. Coa difusión en medios de comunicación e coas propias actividades difúndense tamén mensaxes de defensa e promoción do idioma na sociedade en xeral.