Por Xabier Lago Mestre | O Bierzo Estremeiro

Esta colaboración está adicada á honra do berciano Francisco Cabeza Quiles, estudoso da toponimia galega, cuxo pasamento é recente. O seu traballo de pescuda do galego da terra resulta todo un exemplo a seguir polos bercianos galegofalantes de hoxe. De seguro que el se sentiría orgulloso de ver que a nosa vindicación medra paseniño. Xa temos recoñecido o galego no Estatuto de Autonomía de Castela e León tralo muito combate político nas Cortes Xerais. E outro tanto acontecera nas Cortes autonómicas co debate  sobre o ensino do galego no Bierzo e A Seabra. Os ditos recoñecementos xurídicos non son a solución da nosa problemática, mais son un medio para acadar outros obxetivos.

Dende fines do século XX e principios do século XXI os bercianos temos luitado muito. Velaí a reclamacón por poder ver a TVG, as queixas ante o procurador do común (valedor do pobo rexional) polas defiencias no ensino do galego (solicitudes, publicidade…). Atrás  tamén restan muitas batallas estragadas, así pasou coa demanda da cooficialidade do galego, a reclamación dunha Lei autonómica de linguas de Castela e León, a proposta de uso administrativo do galego no Consello Comarcal, a creación do Servizo lingüísstico no Consello Comarcal, etc.

Nestas últimas décadas temos traballado muito o tema da concienciación bilingüe. Fronte ás dinámicas monolingües seculares os bercianos agora reparamos na importancia do bilingüismo agochado polas instituciois públicas.  Neste labor cultural revitalizado estamos muitos, a saber, os folcloristas, músicos, filólogos, historiadores, literatos, etc. En fronte temos  ás elites inteletual e política que defenden aínda só o castelao.

Para acadar valoración social hai que luitar contra os prexuízos  de todo tipo, colonización cultural, imposición idiomática, nacionalismo galego, etc. Amais, deuse a oposición dos leonesistas que non queren a presencia do galego no seu mitificado lar ancestral coñecido como amplo reino de León. A hemeroteca conserva muitos dos seus berros leonesistas contra o recoñecemento estatutario do galego, a execución do ensino nos colexios do Bierzo, a rotulación bilingüe das localidades, etc. 

Importante ten sido a consecución da clarificación terminolóxica para o galego. Nun comezo os opositores defendían ese chapurreao rural, a fala galego leonesa e o dialeto berciano mestura de tres linguas. Leonesistas, filólogos e etnógrafos trataban e valorar a diversidade das falas comarcais fronte á reclamación galegueira fomentadora das dinámicas  normalizadora e normativizadora. Para aqueles a lingua galega de fóra resulta perigosa porque rematará coas ditas falas locais tradicionais. O certo é que hoxe a maioría social recoñece a presencia do idioma galego fronte a esas outras terminoloxías que fomentan a división lingüística. Saber o que falamos é fundamental para a reclamación futura de máis dereitos galegueiros.

Temos lexitimidade para reclamar dos poderes políticos un recoñecemento dos nosos dereitos lingüísticos mediante a cooficialidade. Alegamos que non é xusto que falantes do galego, galegos e bercianos, teñan distintos dereitos culturais segundo vivan ao leste do porto de Pedrafita ou non. Esta falla legal fundamenta a negativa institucional para non conceder o uso administrativo do galego. Dá igual que se xa a Junta de Castela e León, a Deputación leonesa, o Consello Comarcal, os concellos ou as pedanias rurais. Este tema resulta de difícil solución ante a oposición frontal dos funcionarios (secretarios municipais), e os políticos non queren arriscarse coa falta de legalidade lingüística. Velaí a súa falta de vontade política para mudar ao bilingüísmo administrativo nas instituciois públicas.

Todos os problemas comentados non empecen que haxa outros vieiros de intervención lingüística que axuden a fomentar o galego. Ante a negativa dos medios de comunicación tradicionais ao uso do  galego, temos acadado presencia galega nos dixitais e redes sociais. Miles de bercianos e bercianas reciben acotío información en galego nos seus teléfonos de muitas materias do seu interese (deporte, lecer, turismo, cultura…). O galego espállase polas redes sociais fomentando a conciencia bilingüe. A visibilidade do galego non deixa de medrar de xeito silandeiro, creando identidade berciana. Pola outra banda, ante a negativa institucional ao uso do galego, o espazo público rebélase. Pintadas, carteis, autocolantes… de xeito anónimo están en máis rueiros. Os sinais de carreteiras en castelao xoden modificados pola galeguización como arma de disidencia galegueira. O espazo público é campo de batalla. E mailos combates acotío viralízanse por redes sociais e teatralizan un conflito lingüístico que non cesa no Bierzo. 

Outro tema fundamental é o de salvar o illamento. O Bierzo non pode pasar de Galicia, que é o que pretenden desde León e Castela. Os bercianos queremos virar para Galicia cos nosos imaos históricos. Pretendemos fixa os nosos vincallos para luitar xuntos pola nosa lingua galega ameazada. Velaí a nova relación coa Mesa, ou a celebración do Día das Letras Galegas no Barco de Valdeorras, participando na súa andaina pola lingua. Outros procuran apoio do Instituto Leonés de Cultura (da Deputación), para obter unhas migallas de subvención que só serve aos cazurros para mercar vontades no Bierzo e someter a reivindicación galegueira. Temos de rachar relaciois cos inimigos do galego no Leste, mirar para Galicia, onde compartillamos  problemáticas territorial e cultural secular.

O Bierzo Estremeiro

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra