Informes Noticias Noticias da Mesa

A Mesa tramitou en 2019 318 queixas da cidadanía galega por discriminacións e vulneracións de dereitos lingüísticos

Case a metade das reclamacións (o 45,28%) refírense á administración pública, destacando entre elas as dirixidas ao Servizo Galego de Saúde (27,88%) e á propia Xunta de Galiza (31,73%)

Marcos Maceira recordou que tanto o Consello de Europa como a ONU -a través do informe do seu relator especial para os Dereitos Humanos- recollen expresamente a vulneración dos dereitos lingüísticos en Galiza

Compostela, 12 de marzo de 2020.- Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Elsa Quintas, directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos e vicepresidenta da Mesa; e María Muíño, deputada de Lingua da Deputación da Coruña, presentaron esta mañá en Compostela o Informe Anual da Liña do Galego correspondente a 2019. Segundo recolle dito informe, ao longo do pasado ano, a entidade de defensa da lingua tramitou 318 expedientes de queixas (15 máis que no exercicio anterior), 27 consultas e 197 parabéns (139 máis que no 2018) a través de chamadas, correos e mensaxes na App da Liña do Galego.

“As 318 queixas recibidas (15 máis que no exercicio anterior) son unha mínima parte das discriminacións e vulneracións de dereitos que acontecen todos os días e que en moitos dos ámbitos sinalados son sistemáticas”, recordou Elsa Quintas. Quintas salientou, tamén, que case a metade das queixas (un 45,28%) refírense á administración pública, tanto estatal como autonómica e local. O 62% destas queixas recaen na administración autonómica, cun 27,88% referidas ao Servizo Galego de Saúde e o resto, á propia Xunta e lamentou que “quen máis debería facer cumprir a lexislación que protexe e respecta o galego é, precisamente, quen máis a incumpre e vulnera”. O resto destas queixas corresponden ao Estado (24%) e á administración local (14%). Dentro desta última, destacan as queixas presentadas ao Concello de Vigo, cun 5,77% das queixas totais dirixidas ás administracións públicas.

Quintas salientou, tamén, o aumento dun 10% nas queixas da cidadanía perante a vulneración dos seus dereitos lingüísticos polas empresas que prestan servizos públicos e relacionou este aumento tanto coa privatización dos servizos públicos como co “grao de conciencia que ten a sociedade galega a respecto do seu dereito a recibir os servizos públicos na nosa lingua, sexa pública ou privada a entidade que os preste”. A maioría das queixas enviadas polas usuarias e usuarios da Liña do Galego durante o ano 2019 refírense á discriminación e exclusión do galego (35,53%, fronte ao 30% rexistrado no 2018) e á deturpación toponímica (35,22%), denunciando o incumprimento sistemático da lexislación vixente en materia de normalización lingüística.”O galego é a lingua das galegas e galegos, temos dereitos e queremos vivir nela”, recordou Quintas, “e, por iso, convén reclamar”.

A responsábel do Observatorio de Dereitos Lingüísticos recordou que o traballo que desenvolve a Liña do Galego de tratamento, asesoramento, difusión e atención das queixas ten conseguido que se emendaran algúns comportamentos e políticas lingüísticas de empresas e administracións públicas, como que Alcampo habilitara o galego no acceso á rede wi-fi; que a empresa concesionaria da Xunta de Galiza Scolarest galeguizara os menús escolares; que a páxina web da Fundación Catedral de Santiago estea tamén dispoñíbel en galego; que o Concello de Vivero inclúa nas notificacións do servizo da ORA; que IKEA incorporase o galego á súa páxina web; ou que o Concello de Ribeira deixe de usar o topónimo deturpado Ribeira con V e pase a usar a forma oficial e legal, Ribeira. “Se se actúa, as cousas poden evolucionar”, apuntou Marcos Maceira, quen tamén recordou que A Mesa trasladou información sobre estas vulneracións a diversas entidades internacionais, como a ONU ou o Consello de Europa, e que así o seguirá facendo.

Neste sentido, Maceira recordou que informes como o da Liña son fundamentais para documentarmos casos de discriminación lingüísitica, para coñecer os máis habituais, quen está implicado e se corresponde a unha política determinada contra as linguas por parte da institución ou empresa. E a deputada de Lingua da Deputación da Coruña, María Muíño, destacou a súa vontade de reforzar o compromiso e apoio á Liña do Galego, “un proxecto que recolle información de xeito sistemático e obxectivo, o que resulta moi útil para as administracións públicas que queren avanzar no noso compromiso coa Normalización Lingüística, como é o caso da Deputación da Coruña”.

INFORMES INTERNACIONAIS

O presidente da Mesa recordou que tanto o Consello de Europa como a ONU -a través do informe definitivo sobre a situación das minorías no Estado español elaborado polo relator especial da Oficina do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos, Fernand de Varennes e que foi publicado esta mesma semana (ligazón)- recollen expresamente a vulneración dos dereitos lingüísticos en Galiza, baseándose nos “coherentes” informes que lle presentou a Mesa pola Normalización Lingüística como proba de que “as e os galego falantes non poden empregar a súa propia lingua coas autoridades públicas en Galiza, malia o aparente dereito a facelo”.

“A Xunta debe modificar urxentemente a política lingüísitica para garantir a presenza e a plena dispoñibilidade do galego en todo e para todo”, recordou Maceira, “nomeadamente na administración e no ensino e mesmo reclamar ao Estado que cumpra a súa parte”. En once anos, o goberno autonómico recibiu tres posicionamentos contrarios do Consello de Europa e agora engádese o da ONU. “Non chega co recoñecemento formal do galego”, salientou, “senón que debe ter consecuencias”.
Neste sentido, o responsábel da Mesa explicou que “Xunta e Estado teñen até o día 1 de agosto para enviar ao Consello de Europa as liñas que desenvolverán para cumprir coas recomendacións” e teñen de prazo até 2023 para cumprilas. “Antes do 1 de agosto, deben anunciar a derrogación do decreto e como será o novo”, afirmou. E asegurou que “se hai posicionamento internacional a respecto dos nosos dereitos lingüísticos é porque a sociedade galega está na rúa e conta con entidades como a Mesa, que só recibe impedimentos por parte da Xunta e mesmo boicot ás súas accións no ámbito internacional, como reflicten os informes do Estado tanto ao Consello de Europa como á ONU”. “Se se nos escoita fóra”, concluiu, “é só porque actuamos en Galiza. Por iso animamos a continuar. O novo goberno debe cumprir coa súa responsabilidade. A actitude respecto ao galego en todos os ámbitos é contraria aos interese do pobo galego. Dicímolo en Galiza centos de entidades e fóra os principais organismos internacionais de dereitos humanos, democracia e desenvolvemento social”.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis